Data:

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, mantivo un encontro de traballo co presidente da Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE), José Ángel Vázquez, dentro da rolda de contactos que o novo equipo directivo de FEGAPE está a manter cos principais axentes implicados na promoción e xestión do solo empresarial de Galicia. Neste contexto, o papel dos concellos resulta fundamental, ao seren os titulares dos viais e equipamentos públicos dos parques empresariais.
No encontro tamén participaron a secretaria xeral da FEGAMP, Patricia Vilán; David Sobral, secretario xeral da FEGAPE, e Francisco Domínguez, xerente de AEMOS.
FEGAPE informou de que está a elaborar unha actualización do estudo de situación e diagnóstico dos polígonos industriais galegos, cuxos resultados servirán para definir a folla de ruta da federación nos vindeiros anos, e ambas organizacións coincidiron na necesidade de promover xornadas técnicas e formativas dirixidas tanto ao persoal técnico e político municipal como ao das entidades xestoras dos parques empresariais.
Tamén valorouse na reunión impulsar a Comisión de Coordinación da Xestión de Áreas Empresariais de Galicia, creada pola Lei 3/2022 de áreas empresariais de Galicia, como o foro axeitado para unificar criterios de actuación e directrices de funcionamento dos parques empresariais do territorio galego.

Sede Electrónica
