Fegamp e Medio Ambiente acordan fixar criterios obxectivos para os futuros investimentos do ciclo da auga

Data: 

mércores, 22 Febreiro, 2017 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias e a Xunta de Galicia acordaron reactivar o Pacto da Auga co obxectivo de mellorar e igualar as condicións de saneamento e abastecemento nos concellos galegos. Así o confirmaron hoxe o presidente da Fegamp, Alfredo García e a conselleira do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, na reunión que mantiveron en San Lázaro para abordar a axenda de traballo conxunta para esta nova  lexislatura autonómica.

Segundo explicou Alfredo García, a Comisión do Pacto da Auga retomará o traballo con tres premisas: “Establecer uns estándares de calidade a cumprir por todos os concellos, unir estes estándares a estruturas tarifarias homoxéneas e fixar criterios obxectivos para os futuros investimentos de Augas de Galicia”.  Estes criterios obxectivos son precisamente unha das demandas urxentes que a Fegamp trasladou á Xunta de Galicia a principios do ano, para que Augas de Galicia priorice as actuacións que sexan máis necesarias e que fixe ademais a participación das distintas administracións no financiamento e execución de ditas obras.

Urbanismo e puntos limpos

A maiores do Pacto da Auga, a Federación e a Consellería de Medio Ambiente abordaron a situación da rede de puntos limpos de Galicia. Ademais de reeditar o convenio asinado o ano pasado para a mellora das instalacións e recollida de aparellos eléctricos, a Xunta comprometeuse a consultar coa Fegamp a ubicación xeográfica daqueles puntos limpos de nova creación e a posibilidade de que dean servizo a máis de un concello.

En materia de urbanismo  e tras a alta asistencia rexistrada o ano pasado, neste 2017 celebraranse unhas novas xornadas informativas sobre o Regulamento da Lei do Solo, dirixidas aos distintos municipios. Respecto á adhesión dos concellos á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, avaliarase a posibilidade de que dea cobertura á esixencia que establece a Lei do solo de rematar as fachadas, como medida de protección da paisaxe, realizando en primeiro lugar un labor pedagóxico.

galer_a_fotos