Data:
Ambas organizacións concretan o traballo conxunto para a execución das actividades para promover a integración da poboación nesa zona
Baleira (Lugo), 10 de abril de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Asociación de Desenvolvemento Rural “Montes e Vales Orientais” veñen de asinar un novo convenio de colaboración para acadar os obxectivos propostos no proxecto “Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente” dende unha execución útil do mesmo.
Para tal fin, ambas organizacións consideran esencial colaborar na execución do proxecto mediante este convenio, xa que se trata dunha acción de interese común que xa foi acordada polas partes no deseño do proxecto coa intención que articular unha proposta realista, achegada á realidade e necesidade do territorio, e en concordancia con outras estratexias que se están a desenvolver nel, como a “Estratexia Leader” e o “Xeodestino Ancares Terras de Burón”, entre outras.
Neste convenio se establecen as bases de colaboración entre a FEGAMP e o GDR “Montes e Vales Orientais” para a execución de actividades relacionadas coa integración de poboación no ámbito de actuación do GDR. As actividades previstas son a elaboración do mapa de inmobles e propiedades para o aluguer; a celebración das xornadas de sensibilización sobre a cultura do aluguer en áreas rurais despoboadas e a realización de actividades de promoción do emprego da nova veciñanza.
O orzamento estimado para a execución das actuacións recollidas no convenio primeira ascende a 34.500 euros, que serán achegados pola FEGAMP con cargo aos seu orzamento para o ano 2024. A FEGAMP concorreu co proxecto “Montes e Vales Orientais Territorio Rural Intelixente”, que ten un coste total de 225.697 €, e obtivo unha resolución positiva definitiva en decembro de 2022 dende o Ministerio para a Transición Enerxética e o Reto Demográfico, concedéndoselle unha subvención de 205.179 euros.
O prazo de execución do proxecto esténdese ata o 31 de decembro de 2024 e foi presentado en abril do 2023 en Ribeira do Piquín.
Neste tempo estivo executándose o proxecto, salientando a posta en marcha do Centro de Innovación, Emprendemento e Participación Social (CIEPS) en xullo de 2023, que dende Baleira está a intervir na implantación do proxecto piloto de vídeo asistencia socio-sanitaria para persoas maiores e na promoción de vivenda en aluguer para a permanencia da mocidade na zona e a chegada de nova veciñanza, entre outras accións.