FEGAMP e os trece concellos con UAD traballan sobre a proposta da Consellería de Sanidade para a súa integración no SERGAS a 1 de xaneiro de 2026

Data: 

martes, 21 Outubro, 2025 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou hoxe unha reunión telemática cos trece concellos con unidades asistenciais de drogodependencias (UAD) de titularidade municipal, para valorar e resolver dúbidas sobre a proposta da Consellería de Sanidade de criterios para a integración das UAD no SERGAS, elaborada a partires dos informes definitivos das dúas ponencias técnicas especializadas, de persoal e de inmobles, que relacionan e analizan os medios humanos e materiais a integrar no SERGAS.

Esta proposta recibiuse na pasada reunión da comisión mixta Consellería-FEGAMP para a integración das UAD no SERGAS celebrada o 9 de outubro, na que FEGAMP solicitou aos representantes da Consellería que a proposta estivera redactada como borrador de decreto, para avaliala cos trece concellos con UAD, e que estes, finalmente e se todo está correcto, poidan aprobar a integración da súa UAD no SERGAS nos seus respectivos plenos antes do 14 de novembro, e así poder axustar o proceso de integración aos prazos necesarios para que esta sexa efectiva a 1 de xaneiro de 2026.

Na reunión participaron os alcaldes e alcaldesas de Burela (Carmela López), de Cangas do Morrazo (Araceli Gestido); de Carballo (Daniel Pérez); de Ribeira (María José Sampedro), ademáis de responsables de consellerías e do servizo dos concellos de Noia, Santiago de Compostela, Monforte de Lemos, Ourense, Pontevedra, O Porriño, Vigo e O Grove. Pola FEGAMP asistiu o seu presidente, Alberto Varela, que tamén participou como alcalde de Vilagarcía de Arousa, e estivo acompañado pola secretaria xeral Patricia Vilán); polo director xeral (José Manuel Chapela); polo coordinador xeral, (Jose Manuel Rodríguez), e por Andrés Núñez, técnico económico.

Achegáronse erros nos informes da proposta, para que sexan revisados e corrixidos, e a preocupación dos cadros de persoal das UAD por cuestións laborais referidas á súa integración no SERGAS, para o que vai celebrarse unha nova reunión na que o persoal das UAD poidan resolver estas dúbidas con responsables da Consellería de Sanidade.

Se todo está correcto e se aproban as integracións das UAD nos plenos dos trece concellos, os traballos para a integración continuaran para resolver os servizos de acompañamento, como limpeza, seguridade, mantemento, etc, e que poida ser efectiva a 1 de xaneiro de 2026.