A Fegamp e Sanidade firman o convenio que financia as UAD galegas

Data: 

mércores, 17 Outubro, 2018 (Todo o día)
Acto de sinatura do convenio para financiar as UAD entre a  Fegamp e a Consellería de Sanidade

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2018.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, xunto co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, firmaron o convenio a través do cal se achegan 3.979.799 euros para axudar aos concellos no financiamento dos programas de atención sociosanitaria que desenvolven as 13 unidades asistenciais de drogodependencia (UAD) de Galicia. Con este convenio subvenciónase polo tanto o gasto dos concellos galegos que contan cunha unidade asistencial para persoas con trastornos adictivos.  No convenio firmado hoxe colaboran tamén a Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, administracións Públicas e Xustiza.

No acto de sinatura o presidente da Fegamp, Alfredo García, insistiu na necesidade de avanzar na cesión destas unidades asistenciais ao Sergas xa que son unidades de atención que están a prestar un servizo sanitario: “con esta motivación creouse unha Comisión na que se traballará para ir avanzando no tema da cesión ao Sergas das UADs e co obxectivo de que a medio prazo sexan xa xestionadas polo departamento sanitario da Xunta”, aclarou o presidente.

En canto aos datos do servizo dicir que en 2017 foron un total de 7.634 as persoas atendidas en Galicia a través das 13 UADs coas que conta a comunidade  situadas nos concellos de Ourense, Burela, Monforte de Lemos, Cangas, O Grove, Pontevedra, Porriño, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Carballo, Noia, Ribeira e Santiago.