Data:

Ponse en marcha o Foro Local para abordar a problemática dos servizos sociais que prestan os concellos en Galicia
Este Foro está promovido pola FEGAMP e polos sindicatos CCOO, CIG, CSIF e UGT
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) ven de albergar hoxe a primeira xuntanza do Foro Local para abordar a problemática dos servizos sociais que prestan os concellos en Galicia.
Este foro ponse en marcha co obxectivo compartido pola FEGAMP e polos sindicatos CCOO, CIG, CSIF e UGT, como organizacións promotoras, de mellorar a xestión local dos servizos sociais, coa conseguinte mellora na calidade da atención recibida polas persoas beneficiarias e nas condicións laborais das persoas profesionais que desenvolven este labor.
En representación da FEGAMP participou na reunión o seu presidente, Alberto Varela, xunto cos vicepresidentes primeiro e segundo, Ángel Moldes e Secundino García, respectivamente, e a vicepresidenta executiva, María Barral, dada a importancia que este asunto ten para os concellos galegos e a necesidade de avanzar na mellora do financiamento dos servizos sociais.
A reunión serviu como primeiro intercambio de ideas e impresións da situación, acadándose o compromiso de traballar con urxencia sobre o diagnóstico, para o que se desenvolverá un traballo de recompilación de información sobre os problemas que se detectan dende os concellos que dificultan a xestión óptima dos servizos sociais.
Este foro traballará en maio para avaliar os avances na recollida de información para a composición dese diagnóstico, cara a continuar coa parte propositiva. Nestes traballos o Foro poderá contar coa colaboración doutras organizacións e institucións que tamén estean a traballar na mellora dos servizos sociais.