FEGAMP e a USC van traballar nun informe sobre a situación do financiamento local

Data: 

martes, 1 Abril, 2025 (Todo o día)

O presidente da FEGAMP e o rector da USC asinaron o contrato para a realización o informe sobre o financiamento dos concellos: “A reforma do financiamento local. Achegas desde Galicia”

Os traballos do informe correrán a cargo dun equipo liderado por  Xoaquín Fernández Leiceaga, xunto con Santiago Lago e Javier Suárez Pandiello e composto polos principais expertos e expertas na materia como son María Cadaval, Carmela Sánchez Carreira, Begoña Villaverde, Roberto Fernández Llera, Alberto Vaquero e Concepción Campos

O presidente da FEGAMP manifestou a súa seguridade de que os traballos do informe “van poñer luz e solucións para resolver as dificultades de xestión que os concellos padecemos por non recibir o financiamento público que nos corresponde, e que é necesario para poder atender dignamente o desenvolvemento das nosas competencias e servizos”

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, asinou xunto co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, o contrato  para a elaboración do informe sobre o financiamento dos concellos: “A reforma do financiamento local. Achegas desde Galicia”.

Despois da sinatura e en declaracións aos medios o presidente da FEGAMP salientou que “o financiamento local é unha cuestión crucial para os concellos, e levamos tempo alertando que a situación dos concellos empeza a ser moi complicada” destacando que si os concellos galegos xa “tíñamos problemas para facer investimentos agora o problema real é cadrar as nosas contas do día a día, do gasto corrente”.

Para Alberto Varela o anterior “ven como consecuencia da asunción de competencias impropias que estamos tendo que asumir as administracións locais sen o financiamento necesario e esta situación ten que mudar”.

É publica a relación do financiamento local coa delimitación competencial para evitar que as administracións autonómica e estatal deixen sen cumprir as súas obrigas sobre competencias que lles corresponde, e sigan sendo os concellos os que teñan que asumir eses servizos en condicións cada vez máis precarias, o que tamén repercute na calidade do servizo e no condicionamento económico da xestión local.

Neste senso, cabe lembrar que a Comisión técnica de delimitación competencial no ámbito da administración local de Galicia, posta en marcha no 2023 dende a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, a pesares da urxencia dos seus traballos e da demanda da FEGAMP de axilizar o seu labor, só celebrou dúas sesións durante todo 2024, que sumadas ás tres sesións celebradas en 2023. A FEGAMP ten  reclamado ao conselleiro en reiteradas ocasións retomar os traballos desta comisión e axilizar os seus resultados.

Agora que “se está abordando a reforma do financiamento autonómico, no sería entendible que as administracións locais quedásemos ao marxe, como sempre, ou que quedemos para o último para ver que sobras quedan” para resolver os problemas do financiamento local afirmou o presidente da FEGAMP.

Sobre os traballos e conclusións deste informe Varela manifestou a súa seguridade de que “van poñer luz e solucións para resolver as dificultades de xestión que os concellos padecemos por non recibir o financiamento público que nos corresponde, e que é necesario para poder atender dignamente o desenvolvemento das nosas competencias e servizos”.

Na elaboración deste informe vaise a abordar todas as cuestións vencelladas co financiamento local, dende os tributos locais, a participación dos ingresos do Estado e da Xunta e as normas de estabilidade, a problemática dos servizos sociais e de axuda no fogar, e tamén dos concellos turísticos.

O informe vai ser realizado ao longo de 2025, con etapas na súa elaboración na que se van abordar en profundidade os seguintes asuntos:

  • A reforma das normas d estabilidade e os concellos. Débeda e uso do superávit
  • Os cambios necesarios nos tributos locais: taxas de residuos e relacionadas coa auga
  • O modelo dos pequenos concellos: a introdución dun concepto explícito de equidade autonómico das entidades locais: modelo de participación en ingresos da Comunidade Autónoma e transferencias finalistas
  • O financiamento dos servizos sociais e o servizo de Axuda no Fogar (SAF)
  • O financiamento específico dos concellos turísticos. A taxa turística

Os traballos do informe correrán a cargo dun equipo liderado por  Xoaquín Fernández Leiceaga, que tamén asistiu á sinatura, xunto con Santiago Lago e Javier Suárez Pandiello e composto polos principais expertos e expertas na materia como son María Cadaval, Carmela Sánchez Carreira, Begoña Villaverde, Roberto Fernández Llera, Alberto Vaquero e Concepción Campos.

Sinatura FEGAMP USC Informe sobre Financimento Local