Fegamp e Xunta colaboran para mellorar a información cidadá na loita contra os incendios forestais

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe o acto de sinatura do convenio entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en materia de prevención de incendios forestais.   Este convenio foi asinado polo secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, e o presidente da Fegamp, José Manuel Rey Varela. O seu principal obxectivo é favorecer a colaboración entre ambas institucións para tres obxectivos fundamentais: En primeiro lugar, a elaboración dunhas ordenanzas uniformes para a xestión da biomasa naqueles terreos clasificados como solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.   
En segundo termo, este convenio serve para a elaboración dun modelo de bando municipal para a xestión da biomasa que desenvolva as ordenanzas municipais e como terceiro obxectivo a proposta dunhas zonas piloto para o estudo da propiedade das faixas de xestión de biomasa en contornos de núcleos rurais e urbanos, incluíndo os estudos de análise da propiedade do solo nesta rede, a través da elaboración de plans municipais de defensa contra os incendios forestais.   
Con este convenio cúmprese co establecido pola normativa vixente no que atinxe ás competencias municipais en materia de prevención e loita contra os incendios forestais. Así, a lexislación establece que lle corresponde aos concellos elaborar e aprobar os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais e integralos nos plans de emerxencia municipais, de acordo co previsto na lexislación galega de emerxencias.   
A normativa establece tamén que o planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais incluirá a definición das redes de faixas secundarias, así como a análise da propiedade destas redes de faixas. Así mesmo, é competencia das entidades locais ordenar a execución das obras necesarias para que estas faixas se conserves e manteñan o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios.