FEGAMP e Xunta de Galicia asinaron o convenio para desenvolver a Rede de Concellos contra o acoso escolar

Data: 

mércores, 11 Marzo, 2026 (Todo o día)

O presidente da FEGAMP agradeceu que dende a Consellería de Educación se tiveran en conta as achegas dos concellos na redacción do convenio final

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, participou hoxe na sede do Consello Escolar de Galicia no acto da sinatura do convenio de colaboración para o desenvolvemento da Rede de Concellos contra o acoso escolar xunto co conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. Ao acto tamén asistiu  a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

Despois do acto da sinatura atendeuse aos medios convocados, e Alberto Varela agradeceu que dende a Consellería se tiveran en conta as achegas dos concellos, destacando que “a FEGAMP sempre trata e colaborar e cando se teñen en conta as aportacións realizadas amosamos que sempre queremos botar unha man”.

Para o presidente da FEGAMP é "unha boa iniciativa" na loita contra o acoso escolar, á que a FEGAMP súmase "dentro das funcións que establece a lei de Bases do Réxime Local e  a normativa local para tratar de axudar na prevención da violencia contra a infancia”.

Dende a FEGAMP tense dada toda a importancia a esta liña de colaboración coa Consellería, sendo a loita contra o acoso escolar e o labor por unas contornas escolares seguras, inclusivas, respectuosas e sen cabida para o acoso ou ciberacoso escolar, un eido de principal importancia para os concellos galegos.

Dende o municipalismo galego representado pola FEGAMP se é consciente da importancia que a educación ten na vida, na sociedade, sendo oportuno centrarse en lograr unha prevención efectiva e unha actuación contundente contra o acoso escolar e na mellora da convivencia escolar, garantindo que os nosos nenos, nenas e mocidade gocen dunha educación de calidade.

Tamén xogando un papel fundamental na prevención, detección e intervención nos casos de violencia cara a nenos, nenas e a mocidade, segundo o previsto na Lei Reguladora das Bases do Réxime Local e na Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, para o que os concellos precisan contar con todos os recursos e todas as ferramentas para poder ofrecer programas e reforzos cos que poder erradicar o acoso escolar e mellorar a convivencia escolar. As administracións educativas deben apoiar en prol deste reto fundamental do noso sistema educativo.

Con este convenio se avanza no artellamento territorial en Galicia da colaboración institucional existente entre o municipalismo estatal, representado pola FEMP, e o Ministerio de Educación, iniciado hai máis de 20 anos coa sinatura do primeiro convenio de colaboración para desenvolver  actuacións en materia de educación no eido local, como os Catálogos de Boas Prácticas Municipais en Prevención e Intervención na mellora da Convivencia Escolar, que anualmente se presentan entre ambas institucións.