FEGAMP e Xunta de Galicia colaboran para facilitar o acceso a vivenda "digna" e "alcanzable"

Data: 

venres, 23 Maio, 2025 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2025.- O presidente da Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, reuniuse coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para abordar as liñas de axudas e colaboración cos concellos en materia de vivenda.

A titular de Vivenda expuxo a Varela as diferentes liñas autonómicas de axuda para os concellos nesta materia, e en concreto a nova liña de axudas da Xunta por importe de 10 millóns de euros enmarcada no Fondo de cooperación para vivenda procedente dos depósitos obrigatorios das fianzas de arrendamento. A estas axudas poderán acollerse os concellos que cumpran as condicións que se establezan nesta resolución con obxecto de financiar, mediante un préstamo sen intereses, a promoción de vivenda protexida de nova construción, directamente ou a través doutros promotores públicos ou privados, incluída a adquisición de chan para a promoción de inmobles de nova construción para a súa cualificación como vivendas protexidas.

Martínez Allegue explicou ademais que algúns concellos xa trasladaron á Xunta o seu interese para pór chan de titularidade municipal a disposición da Consellería para a construción de vivenda protexida.

As axudas para a rehabilitación de vivenda propiedade dos concellos e as destinadas á compra de vivenda en municipios de pequeno tamaño, foron outros dos temas abordados na reunión celebrada na sede da Consellería. 

A conselleira de Vivenda destacou a colaboración conxunta tanto da Xunta como da FEGAMP para lograr o obxectivo de pór a disposición da cidadanía vivenda "digna" e a un prezo "alcanzable".

Pola súa banda, o presidente da FEGAMP salientou a necesidade de colaboración por parte de todas as administracións "para atallar" unha das principais preocupacións dos cidadáns galegos para poder acceder a vivenda "alcanzable" e confirmou que "os concellos imos seguir arrimando o ombreiro, e ten que haber colaboración por parte de todas as administracións", salientou o alcalde de Vilagarcía de Arousa. E como primeiro paso en común, Xunta de Galicia e FEGAMP organizarán unha xornada na que detalladamente explicarán aos concellos as vías de colaboración para a construción de vivenda protexida.