Data:
Santiago de Compostela, 18 de abril de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou a xornada de presentación do Programa piloto de trampeo da vespa velutina nos concellos galegos, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, a Dirección Xeral de Administración Local e Seaga. A xornada celebrouse na a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), e dada a elevada incidencia da vespa velutina no noso territorio e a importancia de reforzar os labores para o seu control que se están a realizar dende as entidades locais, contou cunha importantísima participación de representantes políticos y persoal técnico dun centanar de concellos.
O vicepresidente primeiro da FEGAMP e alcalde do Incio, Héctor Corujo, abriu a xornada coa súa intervención. Nela sinalou que "a presencia da vespa velutina en Galicia e nos seus concellos xa se alonga dende hai máis de dez anos, e dende o primeiro momento a FEGAMP promoveu a coordinación e colaboración entre os concellos e os ámbitos competentes do goberno da Xunta de Galicia, como o acredita as extratexias conxuntas contra a velutina de marzo de 2016 e outubro de 2019, que deron lugar en 2020 á sinatura do convenio de colaboración entre Xunta e FEGAMP para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixiancia e control fronte á avespa velutina), ao que están incorporados todos os concellos galegos".
Corujo tamén salientou que "os concellos están a poñer a énfase na prevención nestas actuacions, como a coordinación e o incremento de actuacións de trampeo" e para poder ter máis capacidade de intervención tamén plantexan acceder á información da colocación das trampas e dos avisos que se xeran nos seus termos municipais, para facer seguimento e responder as consultas da veciñanza.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, agradeceu o labor que veñen desenvolvendo os concellos neste eido e engadiu que facelo de xeito “planificado e metódico entre todos” contribuirá a “gañar eficacia”. Tamén explicou que "ante a expansión detectada o ano pasado, a Xunta apostou neste 2024 por executar unha nova batería de medidas para frear a expansión da velutina, e que por iso, se está a levar a cabo un trampeo selectivo, planificado e coordinado a través dun dispositivo no que xa está participando persoal do Seaga, traballadores do Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios Forestais ou Protección Civil.
Na xornada tamén interviron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a directora de Seaga, Luisa Piñeiro, que achegaron información máis polo miudo sobre as consultas e cuestións plantexadas polos responsables dos concellos asistente.