FEGAMP e Xunta de Galicia retoman os traballos da delimitación competencial da administración local

Data: 

xoves, 18 Xullo, 2024 (Todo o día)

Celebraranse xuntanzas da comisión técnica cada dous meses e cara a seguinte xuntanza do vindeiro 4 de outubro se abordarán temas pendentes do Pacto Local asinado en 2006 (financiamento local e gastos de centros de ensino e de atención primaria sanitaria), UADs, socorristas e o SAF.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) participou esta mañá na xuntanza da Comisión técnica de delimitación competencial no ámbito da administración local de Galicia, xunto coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.

A representación da FEGAMP na xuntanza estivo encabezada pola súa secretaria Xeral, Patricia Vilán, e pola Consellería foi a directora Xeral de Administración Local quen encabezou a súa representación.

Despois das tres reunións desta comisión celebradas ata hoxe, sendo á última en outubro pasado, dende FEGAMP sinalouse a necesidade de axilizar os traballos desta comisión, polo que propuxo celebrar unha reunión ao mes fonte á proposta da Consellería de manter unha xuntanza ao trimestre. Daquela, acordouse celebrar as xuntanzas cada dous meses, celebrándose a seguinte xuntanza o vindeiro 4 de outubro.

Sobre os temas acordados para ser traballados cara a seguinte xuntanza, dende a FEGAMP fíxose fincapé na urxencia de abordar os temas pendentes de xestionarse do Pacto Local asinado coa Xunta en 2006 vencellados co financiamento local e cos gastos de mantemento dos centros de ensino e de atención primaria sanitaria. Nesa liña, tamén incorporouse a situación das Unidades de Atención ás Drogodependencias (UAD), que xa tiñan que ter resolta á adscrición do persoal sanitario ao SERGAS, cumprindo o propio cronograma previsto pola Consellería de Sanidade.

As emerxencias, especialmente no relacionado co servizo de socorrismo dos concellos de menos de 20.000 habitantes, tamén será traballado cara a seguinte xuntanza, máis se cabe despois da recente sentenza do Tribunal Supremo que establece que é competencia das Comunidades Autónomas.