FEGAMP e Xunta inician a negociación para mellorar o financiamento do SAF

Data: 

luns, 3 Marzo, 2025 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2025.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, mantivo este luns unha primeira reunión coa conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Fabiola García, para abordar a situación do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ambas partes volvéronse a citar para o mes de abril co obxectivo de avanzar cara un acordo que sexa satisfactorio apra ambas partes.

Alberto Varela agradeceu á conselleira pober manter a reunión, despois de tela solicitda dende hai meses, e sinalou que hai entendemento respecto da demanda dos concellos para unha mellora do financiamento do SAF posto que na actualidade este servizo está infrafinanciado e causa tensións nas contas de moitos municipios.

No encontro, Varela achegou á conselleira de Política Social a situación deste servizo e avaliaron as bases para negociar un novo financiamento aínda que, polo momento, non abordaron cantidades, aínda que o presidente da FEGAMP subliñou que se inicia agora un proceso de negociación "discreto" ata acadar un acordo, a partires de que a conselleira confirmara o compromiso da Xunta de subir a súa achega económica para financiar o SAF. En canto ás cantidades, recoñeceu que se analizarán durante a negociación, no que ambas administracións remitirán os seus cálculos para acordar un importe de custo por hora de traballo. Ademais, Varela detallou que durante a reunión tratou de "facerlle ver á conselleira a situación" na que se atopan os concellos galegos, en relación á situación do Servizo de Axuda non Fogar.

O presidente da FEGAMP insistiu en que os concellos continuarán reivindicando que do SAF correspóndelles "a xestión, pero non o financiamento", segundo a lei de dependencia. "Independentemente de como finalice a negociación, imos seguir sempre pelexando porque o SAF sexa integramente financiado tanto polo Ministerio de Dereitos Sociais como pola Xunta ao 100%", salientou Varela.

Na reunión, Alberto Varela tamén reclamou á conselleira a suspensión das sancións impostas a algúns municipios na prestación deste servizo polos problemas de xestión orixinados pola devandita falta de finaciamento.

Reunión coa conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia