FEGAMP e Xunta ultiman a renovación do convenio de colaboración en materia de prevención de incendios forestais

Data: 

venres, 7 Marzo, 2025 (Todo o día)

O presidente da FEGAMP, Alberto Varela, xunto con outros responsables da entidade municipalista, mantiveron unha reunión coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que tamén estivo acompañada de outras persoas responsables da Consellería

A xuntanza foi preparatoria de cara á renovación do convenio asinado entre a Xunta e a FEGAMP para a creación dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025.-  O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, encabezou a representación da entidade municipalista na reunión mantida hoxe coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez. en relación coa prevención dos incendios forestais.

Xunto con Alberto Varela, pola FEGAMP tamén asistiron Secundino garcía, vicepresidente segundo e alcalde de San Sadurniño; María Barral, vicepresidenta executiva e alcaldesa de Betanzos, e José Luis Martínez, vogal da Comisión Executiva e alcalde de Ordes. E pola banda da Consellería acompañaron a María José Gómez o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e a directora-xerente de Seaga, Luisa Piñeiro.

A reunión sirviu como encontro preparatorio de cara á renovación do convenio de colaboración entre a Xunta e a FEGAMP en materia de prevención de lumes. Esta colaboración comezou en agosto de 2018  coa sinatura do primeiro convenio que permitiu a creación dun sistema público de xestión da biomasa nos montes ou terreos forestais incluídos nas redes de faixas secundarias, que son aquelas máis próximas ás vivendas.

A negociación do novo convenio atópase moi avanzada, co obxectivo de manter a cooperación institucional nunha cuestión de especial interese para a cidadanía, como é a defensa e prevención diante dos incendios forestais, en particular en zonas denominadas de “interface urbana”.

Un total de 288 concellos galegos xa están adheridos a este acordo de xeito voluntario, dando cobertura aos 260 plans municipais antiincendios aprobados por outras tantas entidades locais. Estes documentos elaboráronse en colaboración coa Consellería do Medio Rural e baixo a súa supervisión técnica.

Reunión coa conselleira de Medio Rural