A FEGAMP empraza á Xunta de Galicia a axilizar a integración das UAD no SERGAS

Data: 

venres, 31 Maio, 2024 (Todo o día)

Os trece concellos con UAD veñen de achegar mediante a FEGAMP toda a información do seu persoal á Xunta por segunda vez en dous anos co fin de que sexan cubertas as vacantes de persoal sanitario e que finalmente todo o persoal sanitario sexa integrado no SERGAS.

“O cronograma asumido pola Xunta rematou a primeiros de 2024, e todos eses profesionais tiñan que estar incorporados ao SERGAS, pero a realidade e que a Xunta non está a cumprir o seu cronograma”, destaca o presidente da FEGAMP.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, vén de reclamar ao goberno da Xunta de Galicia que se axilice o proceso de integración das Unidades Asistenciais de Drogodependencias (UAD), e emprázalle a que convoque xa a seguinte xuntanza que resolva as vacantes nas UAD.

Alberto Varela destaca que “a FEGAMP xa achegou á Consellería de Sanidade, e por segunda vez en dous anos, toda a información do persoal das UAD recibida dos trece concellos, seguindo o falado na xuntanza de abril coa Consellería. Agora xa toca poder resolver estas vacantes nunha nova xuntanza, que tamén sirva para adiantar todo o posible o proceso de integración das UAD no SERGAS”.

Para Varela “é indubidable que isto é unha competencia impropia que non debese ser asumida polos concellos; é una competencia de ámbito sanitario, e que a propia Xunta de Galicia o recoñeceu así co seu cronograma para que todos os profesionais sanitarios que forman parte das UAD remataran formando parte do SERGAS. Este cronograma rematou a primeiros de 2024, e todos eses profesionais seguen sen estar incorporados ao SERGAS, polo que a realidade e que a Xunta non está a cumprir o seu propio cronograma”

“Por iso, o retraso nesta integración está a xerar nos trece concellos con UAD un malestar unánime polo incumprimento da Xunta de Galicia dos seus compromisos adquiridos dende 2022, ademais de afectar á calidade do servizo por non poder dispoñerse de todo o persoal sanitario na atención aos usuarios” prosigue Varela.

O presidente da FEGAMP confirma que “a posición unitaria da FEGAMP e dos trece concellos con UAD vén de conseguir manter as mesmas condicións económicas para a cobertura dos custos do servizo das UAD dende o novo convenio para o 2024 rexeitando o pagamento en dous prazos condicionados proposto inicialmente pola Xunta, que supoñía que os trece concellos con UAD terían que esperar máis tempo e realizar dúas xustificacións para poder recibir a contía económica dende a Xunta de Galicia”.