A Fegamp insta á Xunta a colaborar na solución para o sector da hostalaría

Data: 

venres, 15 Xaneiro, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias apoia a reivindicación dos empresarios da hostalaría e chama á Xunta de Galicia a colaborar na busca de solucións para o sector.

A Federación Galega de Municipios e Provincias aclara que as entidades locais non tiñan noticia algunha do Fondo anunciado pola Xunta de Galicia e que descoñece o motivo polo que o Goberno autonómico divulga un plan que implica á administración local antes da súa negociación e deseño. A Fegamp manifesta así mesmo o seu desconcerto polo procedemento empregado, dado que como administración independente só corresponde aos concellos decidir e pronunciarse respecto aos seus actos, e dado que para desenvolver calquera política en común é preciso sentar a traballar xuntos.

Dende o cese de actividade polo confinamento, os concellos comezaron a artellar axudas na medida das súas posibilidades e a Fegamp requiriu reiteradamente a creación dunha mesa de traballo conxunta para a recuperación económica, petición realizada tanto no seo das reunións do CECOP como en forma de solicitude expresa por carta enviada o cinco de maio ao presidente da Xunta de Galicia.

Por outra banda, a Fegamp fixo partícipe da preocupación e predisposición dos concellos para estruturar un plan de axudas aos distintos representantes do Clúster de turismo e do ocio nocturno cos que o presidente Alberto Varela mantivo sendas reunións persoalmente.

Por último, é preciso sinalar que é a Xunta de Galicia a que dispón dos Fondos extraordinarios habilitados por mor da pandemia, e que as axudas que os concellos veñen a prestar ao longo de todos estes meses proceden dos seus orzamentos ordinarios cos que tamén teñen que sufragar os gastos de desinfeccións e outras labores especiais debido á crise sanitaria.

Porén, conscientes da situación extrema que están a sufrir estes empresarios, a Fegamp manifesta a súa absoluta dispoñibilidade para sentar canto antes coa Xunta de Galicia e coordinar os esforzos e recursos das distintas administracións en beneficio dos cidadáns.