A FEGAMP insta á Xunta de Galicia a elaborar unha Lei da auga consensuada e sen présas

Data: 

venres, 24 Setembro, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias insta á Xunta de Galicia a traballar xuntos no anteproxecto de Lei de Mellora da Xestión do Ciclo Integral da Auga para acadar un texto consensuado.

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, trasladou este requirimento á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Mª Vázquez, no seo dunha reunión na que tamén estiveron presentes os vicepresidentes e vicepresidenta da Federación e un amplo cadro de técnicos por ambas administracións.

Varela sinala que “é moi importante a xestión da auga e corrixir as deficiencias que poida ter, e entendemos que unha lei tan importante ten que ter o consenso de todas as Administracións que participen nela, maior diálogo e as mesas de traballo que sexan necesarias para sacar adiante unha norma co maior consenso posible”.

O texto presentado polo Goberno da Xunta de Galicia xera gran preocupación nos Concellos, especialmente nos máis pequenos, que poderían ser incapaces de enfrontar os investimentos requiridos. Pola banda das Deputacións Provinciais, “as catro coinciden que hai unha inxerencia nas súas competencias e na responsabilidade que teñen de financiar aos concellos de menos de 20.000 habitantes”.

Outro motivo de inquedanza para o municipalismo é a subida do recibo da auga, en tanto que os Concellos son “a porta da Administración, os que imos explicar aos veciños cales son os motivos. Se é necesario pode estar xustificado, pero as cousas hai que explicalas ben e ver cales son os obxectivos que se conseguirían con esas subas”.

Segundo una estimación dos técnicos da Federación nunha familia de tres membros cun consumo en torno aos 39 m³, a factura aumentaría arredor dun 60%. “Se está a discutir cal é a contía de esas subas, se vai ser máis ou menos, o que pedimos dende a Fegamp e que non nos precipitemos, levamos tempo co Pacto da Auga e non e necesario sacar unha lei ás présas podendo entaboar un diálogo e chegar a unha solución consensuada”.

 

Descargas: 

ArquivosTamaño
Image icon fegamp5.jpg937.83 KB