A Fegamp leva ao CECOP as dúbidas dos concellos respecto ás eleccións e as verbenas populares

Data: 

sábado, 30 Maio, 2020 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias demanda que os coordinadores da Xunta para as eleccións do 12 de xullo comecen a traballar xa cos concellos nos preparativos da xornada electoral. O presidente da Fegamp, Alberto Varela,  volveu insistir no CECOP sobre as dificultades que a COVID-19 xera na organización dos comicios e que urxe traballar naquelas cuestións non resoltas no protocolo elaborado exclusivamente pola Xunta de Galicia: “é un protocolo xa aprobado e nós temos que axustarnos a esas condicións, pero o que ten que saber a Xunta de Galicia é que os concellos necesitamos empezar a traballalo canto antes porque nestas circunstancias vainos levar moitísimo tempo”.

Á porta da tempada forte para as verbenas populares, a Fegamp está a recibir consultas de concellos, comisións de festas e profesionais do sector respecto ás posibles condicións de celebración. Inda que estas festas de momento non están autorizadas, Alberto Varela solicitou á Xunta que prevexa medidas ou instrucións específicas para este tipo de eventos; “e unha situación tan excepcional que no caso de que se poidan celebrar verbenas populares non podemos ampararnos só na Lei de espectáculos senón que os concellos temos que ter instrucións claras das autoridades sanitarias galegas sobre que medidas extraordinarias teríamos que adoptar”. Varela, que onte mantivo unha reunión con representantes dos empresarios de orquestras, pediu ao goberno autonómico axudas económicas para este sector:  “hai que ver se con esas condicións ese sector, ese tipo de empresas pode traballar. O que si parece xusto que así como a outros se lles dan axudas para que poidan aguantar a eles tamén se lles dean axudas ou que haxa esa intención por parte de Xunta de Galicia”.

Por outra banda a Fegamp volveu reclamar protocolos solicitados en anteriores encontros do CECOP e pendentes de reposta respecto a campamentos e outras actividades recreativas infantís, plans de conciliación para pais e nais traballadores con menores ao seu cargo e solucións para as persoas sen fogar aloxadas nos albergues improvisados durante o confinamento por mor da COVID-19.