Data:

Vigo, 1 de outubro de 2025.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, interveu na inauguración da Conferencia Europea do proxecto EC4RURAL que celébrase en Vigo nestes días baixo o título "Comunidades enerxéticas rurais: tendendo pontes entre a acción local e a transición cara a enerxías limpas". Na inauguración participaron Xavier Simón, coordinador do proxecto EC4RURAL pola Universidade de Vigo, e Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo.
O proxecto EC4RURAL está financiado polo programa LIFE e ten como obxectivo profundar e transformar a relación entre as autoridades locais e rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición enerxética limpa de Europa a través dunha participación activa e xusta.
A conferencia vai amosar os progresos do proxecto e permitirá poñer en común prespectivas de futuro. Tamén servirá de plataforma para que investigadores e profesionais presenten o seu traballo sobre a transición enerxética e as comunidades enerxéticas.
Na súa intervención, o presidente da FEGAMP sinalou que "as comunidades enerxéticas estanse a converter nunha das mellores ferramentas para a transición enerxética, democratizando a enerxía, e permitindo que a veciñanza, as empresas locais e as administracións compartamos recursos, que reducen custos e que xeran beneficios ambientais e sociais".
Varela destacou a implicación da FEGAMP neste proxecto "apoiando aos #concellos na creación de comunidades enerxéticas, facilitándolles recursos, formación e colaboración", sendo 22 as entidadades locais implicadas nas accións piloto.

Sede Electrónica
