FEGAMP participa na xornada "Acuerdo Rural" sobre políticas públicas para o desenvolvemento rural

Data: 

martes, 28 Outubro, 2025 (Todo o día)

Ourensa, 28 de outubro de 2025.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, participou na inauguración das xornadas “Acuerdo Rural: Liderando la Transición desde los Municipios Rurales”,  que se está a celebrar nestes días en Ourense co obxectivo de compartir casos de éxito de municipios e vilas rurais que souberon impulsar o seu desenvolvemento económico, social e demográfico. Organizadas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), as xornadas tamén contan co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación Provincial de Ourense e da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico. 

Xunto con Alberto Varela, na inauguración das xornadas participaron Francesc Xavier Boya, secretario de Estado para o Reto Demográfico; Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense; Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense; e Luis Milia, alcalde de Carballeda de Avia, que conduciu a inauguración. Por videoconferencia tamén interveu Enrique Nieto, xefe adxunto da Oficina de Apoio ao Pacto Rural Europeo.

Na súa intervención, o presidente da FEGAMP destacou que "a pesares das dificultades, podemos dicir que se ten conseguido poñer o foco sobre o mundo rural" e que, aínda sendo necesarios aínda moitos máis esforzos continuados no tempo "todas as administracións temos incorporado nas nosas axendas públicas a atención aos concellos rurais para recuperar neles a actividade social e económica que tan necesaria resulta para o equilibro territorial".

Alberto Varela salientou que dende o municipalismo galego representando pola FEGAMP "tamén estamos implicados neste labor de apoio para o desenvolvemento no rural, sendo activos na prospección de recursos económicos dende a necesidade constatada de axudar aos concellos a captar fondos para os seus proxectos, e poñendo o foco nos concellos rurais, uns 260 en Galicia" e ademais "participamos activamente no Observatorio Galego de Dinamización Demográfica a través de diversos grupos de traballo, e dende esa posición non perdemos a oportunidade de reclamar, como ben saben dende a Xunta de Galicia e dende o goberno de España, o papel dos concellos no deseño de políticas públicas de impulso demográfico, así como a necesidade de que na participación dos ingresos do Estado e da Comunidade Autónoma se introduzan criterios de dispersión e envellecemento da poboación no reparto de fondos entre as entidades locais" estando recollida esta reclamación na Lei 5/2021 de 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia.

Varela confirmou que dende a FEGAMP "temos desenvoltos diversos proxectos e iniciativas en apoio do desenvolvemento rural, como o proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente, en colaboración co GDR Montes e Vales Orientais e co financiamento do programa Leader; o proxecto CEL RURAL: Desenvolvemento de actuacións piloto para o fomento de comunidades enerxéticas locais en entornos rurais do espazo POCTEP, financiado polo programa Interreg, e o proxecto EC4RURAL, cofinanciado polo programa Life, ambos de impulso da enerxía comunitaria en zonas rurais". Tamén lembrou que, recentemente, "remataron os traballos do proxecto RETTURN: Rede de experiencias turísticas baseadas na tradición rural”, dentro do Programa Experiencias Turismo España 2021, financiado pola Unión Europea–NextGeneration, e que, desenvolto xunto coutras federacións territoriais de municipios e en Galicia co GDR MOntes e Vales Orientais, tiña como obxectivo a recuperación do patrimonio inmaterial, transformando o concepto de turismo rural para dar resposta a despoboamento das zonas rurais".

IMAUGURACIÓN XORNADA ACUERDO RURAL