Data:

Madrid, 25 de xuño de 2025.- A secretaria xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Patricia Vilán, participou na reunión do Secretariado do Consello Territorial da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), formado polas secretarías xerais das federacións territoriais de municipios e provincias vinculadas, e presidido polo secretario xeral da FEMP, Luis Martínez-Sicluna.
Na reunión desta mañá traballouse na preparación do Consello Territorial da FEMP, máximo órgano de goberno entre plenos, que prevé a súa vindeira convocatoria para o 15 de xullo, despois que tivera que desconvocarse o pasado 28 de abril polo apagamento padecido en todo o pais.
Tamén se abordou na xuntanza a situación dos Fondos Next Generation EU xestionados pola FEMP; e da Central de Contratación coa que a FEMP facilita aos gobernos locais a contratación de servizos e subministracións.
Así mesmo, sendo a véspera da primeira xornada de traballo enmarcada no 45º aniversario da FEMP, presentouse esta xornada de Comunicación Local “A voz do pobo, nos 45 anos da FEMP” e deuse a coñecer o programa cos principais actos deste aniversario.