Data:

Braga (Portugal), 13 de novembro de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) participou na reunión de seguimento anual do Consorcio do proxecto CEL RURAL, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Interreg VI-A España–Portugal, que se celebrou en Braga (Portugal). Os traballos tamén incluíron a celebración dunha xornada de difusión dirixida a entidades públicas, empresas do sector enerxético e comunidade investigadora. O proxecto ten como obxectivo promover e poñer en marcha actuacións piloto que impulsen Comunidades Enerxéticas Locais (CELs) en zonas rurais dos dous países.
A primeira parte do encontro tivo lugar o mércores 12 de novembro nas instalacións do CIM Cávado, cunha reunión técnica na que participaron representantes do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a Universidade de Sevilla (US), a Universidade do Algarve (UALG) e a Deputación de Ávila, entidades socias do proxecto. Ao longo da sesión, avaliouse o estado xeral do proxecto, analizáronse os progresos das seis actividades en marcha e definíronse as prioridades para os próximos meses.
O xoves 13 de novembro celebrouse a xornada de difusión, que incluíu unha sesión técnica e unha visita ao piloto desenvolvido en Vila Verde. A apertura correu a cargo do CIM Cávado, seguida da presentación do proxecto por parte do ITG. A continuación, tivo lugar unha mesa redonda sobre tecnoloxías aplicadas ás Comunidades Enerxéticas Locais, así como a exposición dos cinco proxectos piloto en execución: Culatra (Algarve), Xermade e Moeche (Galicia), Fontiveros (Ávila) e Vila Verde (Braga).
Un dos momentos máis destacados da xornada foi a visita técnica á Adega Cultural de Vila Verde, onde as persoas asistentes puideron coñecer de primeira man o funcionamento da actuación piloto implantada, baseada en sistemas de autoconsumo, xestión intelixente e participación cidadá na produción e uso da enerxía.
O proxecto CEL RURAL avanza así cara á creación de novos modelos enerxéticos máis participativos, sustentables e axeitados aos desafíos e oportunidades dos territorios rurais. A través de actuacións piloto, investigación aplicada e cooperación transfronteiriza, o proxecto pretende facilitar a replicación de Comunidades Enerxéticas Locais noutros concellos e comarcas de España e Portugal.

Sede Electrónica