Data:

A Fonsagrada, 18 de xuño de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) participou na ‘Xornada de Portas Abertas no Corazón da Montaña’ que se celebrou na Escola do Maior da Asociación de Carballido de Servizos Sociais (Acaserso).
A xornada serviu para dar a coñecer o servizo de videoasistencia sociosanitaria para maiores de 65 anos, unha iniciativa que impulsan a FEGAMP e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, dende a plataforma Aldeas Vivas, que forma parte do proxecto global Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente, que xa se iniciou no último trimestre do pasado ano en Ribeira de Piquín e pouco a pouco foise estendendo con grandes resultados ao resto de concellos do territorio que abrangue o GDR.
Un total de 30 persoas maiores dos concellos de Becerreá, A Fonsagrada e Ribeira de Piquín son as beneficiarias desta iniciativa, tendo recibido as sesións formativas necesarias para o emprego da tablet que xa dispoñen.A eles uníronselle tamén de Navia de Suarna e A Pontenova, concellos nos que a administración local se encarga de xestionar este servizo. A tablet que recibiron lles é de moita utilidades grazas ás distintas ferramentas de estimulación cognitiva que trae incorporadas, xa que poden realizar puzles, pasatempos, xogar ou escoitar música, ao tempo que tamén lles axuda a pedir cita no centro de saúde e a estar en contacto co seu médico.
Na xornada interviñeron o presidente da Asociación Montes e Vales Orientais e alcalde da Fonsagrada, Carlos López; a xerente do GDR Montes e Vales Orientais, Fé Álvarez; María Lamelas, técnica de proxectos de FEGAMP; Pedro Penelo, presidente de Acaserso, a asociación que exerceu de anfitrioa, . Jorge Caleya, representante de Zwit Projet, empresa encargada de distribuir os dispositivos electrónicos.
María Lamelas sinalou que “para a FEGAMP, proxectos coma este son unha oportunidade para demostrar que o futuro tamén se constrúe desde o rural, e que a colaboración das administracións locais permite lograr cousas realmente valiosas polo impacto real na vida das persoas pola súa utilidade”.
O momento central da xornada deuse cun exercicio práctico no que as persoas maiores mostraron en directo o manexo das táblets, compartindo as súas experiencias e aprendizaxes, coa colaboración de persoal do proxecto e do Centro de Día da Fonsagrada.
A xornada rematou cun xantar comunitario como espazo de integración e encontro entre participantes, acompañantes e entidades colaboradoras. O encargado de coordinar esta parte foi Román Sánchez, en representación da cooperativa A Carqueixa, que explicou o Piloto de Mobilidade Sostible e os servizos dispoñibles a través do Marketplace desenvolvido dentro do proxecto.