Data:

Vídeo con extractos das intervencións do presidente da FEGAMP, Alberto Varela.
A Coruña, 16 de setembro de 2025.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, participou no Congreso 1985-2025 «40 anos de Bases de Réxime Local e do control externo local en Galicia».
Organizado polo Consello de Contas coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, o congreso foi un foro de diálogo e debate que xuntou á representación da Administración Local, nas súas múltiples vertentes e protagonistas, para facer balance e marcar as liñas dos retos pendentes para as próximas xeracións da xestión pública local.
O presidente da FEGAMP participou na mesa redonda «O futuro da administración local: un novo marco para unha nova realidade e receptivo a novas contornas e riscos emerxentes», xunto con Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia; José Tomé, presidente da Deputación de Lugo; e José Antonio Rueda, presidente de COSITAL Coruña. Nas súas intervencións, Alberto Varela fixo repaso do tempo e dos cambios acontecidos na realidade dos concellos e das deputacións dende a aprobación da Lei de Bases da Réxime Local (LBRL) hai agora 40 anos, así como as dificultades na xestións que as entidades locais tiveron que afrontar neste tempo en relación as administracións estatal e autonómica e as súas decisións sobre o financiamento local e o desenvolvemento de competencias e servizos derivadas ás administracións locais.
Varela sinalou a necesidade de dar solución a esta problemática, dende os espazos de traballo en común necesarios coa Xunta de Galicia e co Goberno de España, como comezou a facerse sobre as competencias da Xunta asumidas polos concellos pero que dende novembro pasado dende a Xunta non mantiveron os traballos.
Á vista da situación creada con servizos como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ao que os concellos están achegando a meirande parte do seu financiamento, cando debera estar financiado no 100% pola Xunta e polo Ministerio de Dereitos Sociais, urxe abordar unha reforma de calado no financiamento local, que permita a xestión óptima das competencias locais, e que tamén resolva a coordinación entre administracións para evitar que concellos e deputación teñan que asumir competencias e servizos sen financiamento.
Tamén sinalou que a futura lei de Administración Local de Galicia, anunciada pola Xunta de Galicia, pode ser clave neste proceso, pero ata o momento a FEGAMP non pudo participar no porceso de elaboración nin coñecer o seus contidos.

Sede Electrónica



