Data:

Ames, 7 de xullo de 2026.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) participou no Foro da Vivenda "Horizonte Fogar Digno" organizado polo Concello de Ames e La Voz de Galicia. O Foro foi presentado pola xornalista María Meizoso e comezou coa intervención do alcalde de Ames, Blas García, na que destacou que a vivenda é un problema transversal que afecta a toda a sociedade. “Afecta á economía, á natalidade, á igualdade de oportunidades, á competitividade dos territorios, á capacidade de atraer talento, á conciliación, á emancipación da mocidade, e mesmo á saúde mental de milleiros de persoas. A cidadanía non entende de competencias, a cidadanía entende de solucións. O que lle importa é poder acceder a un fogar. Por iso creo sinceramente que este é un dos asuntos nos que sobra o ruído político e fai falta máis cooperación lealdade institucional. Todas as administracións con e sen competencia chegamos tarde nesta problemática, por iso é fundamental a cooperación e lealdade institucional".
O Foro proseguiu cunha mesa redonda na que se abordou a problemática da vivenda dende a perspectiva de distintas administracións, na que interviñeron a concelleira de Urbanismo e Vivenda do Concello de Vigo, María Xosé Caride, que participou en representación da FEGAMP; o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o responsable xurídico da Empresa Municipal de Vivienda, Servizos e Actividades - EMVSA do Concello da Coruña, Jacobo Hortas.
Na súa intervención, María José Caride destacou o problema que existe no prezo no alugueiro. “Na actualidade quen aluga unha vivenda elixe ao inquilino, por iso moitas familias non poden alugar unha vivenda. Boa parte da renda familiar ten que dedicarse a pagar o alugueiro. Os concellos non temos competencia en materia de vivenda e non resulta doado promover proxectos urbanísticos para desenvolver solo porque a tramitación é lenta. En Vigo de 2008 ata 2026 non se construíu vivenda de protección. É necesario que a construción de vivenda pública sexa algo permanente no tempo”. Caride tamén queixouse das limitacións que sofren os concellos para poder acceder a financiamento para levar a cabo os seus propios proxectos e reclamou un mecanismo similar ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para axilizar os seus desenvolvementos urbanísticos. E rematou lembrando que o fenómeno da vivenda de uso turístico influíu na situación actual, por iso é polo que A Coruña, Santiago e Vigo tivesen que regulalo.
O alcalde de A Estrada, Gonzalo Louzao, destacou que “Os concellos pequenos temos dificultades e dispoñemos de menos recursos para adoptar medidas efectivas en materia de vivenda. Ao haber pouca iniciativa privada hai escaseza de vivenda, por iso deben implicarse o Estado e a Xunta, para tratar de duplicar o parque de vivenda pública”. Louzao reclamou maiores fondos para os concellos de menor tamaño, xa que ademais son menos atractivos para as empresas privadas, que antepoñen construír nos de maior peso económico, o que acentúa ese déficit habitacional.
O responsable xurídico da EMVSA do Concello da Coruña, Jacobo Hortas, dixo que “cremos que o parque público de vivenda no conxunto do Estado é moi reducido. Temos que impulsar todas as medidas posibles para que este parque público de vivenda se sitúe ao nivel do resto de Europa. En España as vivendas que son de titularidade pública non chegan a 320.000 e o parque social de vivenda non chega ao 3,5% do total. En Europa a media é do 9% e incluso nos países nórdicos e nos Países Baixos esta media é do 20%. Temos un problema de falta de vivenda de titularidade pública e todo o que sexa adoptar medidas para a construción de nova vivenda parécenos moi interesante, pero non só iso, porque temos un parque de vivenda en España moi vello e é necesario mobilizar vivenda que está en desuso”.
O Foro rematou coa intervención do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que destacou que “a vivenda é o principal problema da sociedade española, así o reflicten as enquisas. E esa tamén é a primeira preocupación dos galegos e das galegas". Tamén indicou que “sabemos que non existen solucións máxicas de aí que a resposta deba ser estrutural, mantida no tempo e apoiada no amplo consenso institucional que nazan da escoita, do diálogo e da cooperación. As receitas témolas claras: intervención pública, colaboración público privada e, sobre todo, recursos ou dito doutro xeito debemos executar políticas sociais e valentes. Políticas que entendan que o mercado por si só non garante o dereito á vivenda, que dende as administracións debemos exercer un papel activo na planificación, na protección e na promoción do parque público residencial e que a colaboración co sector privado é necesaria sempre que estea orientada ao interese xeral e non á especulación”.

Sede Electrónica





