Data:

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2026.- A vicepresidenta executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), María Barral, participou na inauguración do Foro "Territorios que lideran. O futuro comeza no local" organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e pola Deputación Provincial da Coruña co obxectivo de crear un espazo estable de encontro entre o coñecemento académico e a experiencia das administracións locais. Na inauguración tamén interviñeron Rosa Crujeiras e Marta Lois, reitora da USC e decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC.
A vicepresidenta executiva da FEGAMP destacou no comezo da súa intervención que "ademais do futuro, todo o importante nos procesos sociais, todas as transformacións comezan no local" e que "nun contexto como o actual, non podemos agardar polo futuro. O futuro é o presente, e nese presente os concellos temos que salientar o noso papel no desenvolvemento das políticas públicas que impulsan Galicia".
María Barral contextualizou a situación dos concellos e a súa transformación neste anos, coas novas competencias, o envellecemento, a dispersión poboacional, e a promoción exhaustiva de normativa autonómica e central con incidencia municipal sen o necesario acompasamento coas realidades e necesidades locais, sinalando que "Para afrontar as obrigas e retos da xestión municipal, a mellora do financiamento local é unha cuestión crucial" e anunciando que "cando se fala da necesaria reforma do financiamento público das administracións autonómicas, os concellos galegos reivindicamos o financiamento xusto que nos corresponde, e non estamos dispostos a que se consolide a idea de que somos a administración subsidiaria das outras".
Barral salientou que "os concellos galegos lamentamos que aínda non se nos tivera en conta para os traballos dunha nova Lei de Administración Local de Galicia, que vimos reclamando dende hai tempo, con propostas que de terse incorporado na lei nestes case trinta anos de vixencia houbesen evitado os problemas sobre competencias e sobre financiamento local que dificultan a nosa xestión pública". Lembrou que dende a FEGAMP tense avogado por abordar esta futura nova norma "dende un novo Pacto Local coa Xunta de Galicia, apostando por retomar as canles que o propiciaron hai agora 20 anos".
A vicepresidenta da FEGAMP rematou confirmando que os concellos, como as demais administracións públicas, "temos que abordar o principal problema sinalado neste tempo pola cidadanía galega, que é a dificultade xeneralizada de poder acceder a unha vivenda digna ou de poder mantela pola suba dos prezos de compra e de aluguer" apelando a adoptar solucións estructurais. "A vivenda é un dereito e unha necesidade vital da cidadanía. E as administracións, como os concellos, temos sentido se resolvemos os problemas da cidadanía", concluiou Barral.
Durante o Foro tamén interviñeron Valentín G. Formoso e Carmela López, presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes e presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, respectivamente; Ángel G. Seoane e Darío Campos, alcaldes de Oleiros e da Pontenova, respectivamente; María Lago e Araceli Xestido, alcaldesas de Muros e de Cangas, respectivamente; Sandra González e María Rozas, alcaldesa de Tomiño e tenente de Alcaldía de Santiago de Compostela, respectivamente.






Sede Electrónica



