Data:

Vimianzo, 9 de maio de 2026.- A secretaria xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Patricia Vilán, participou en Vimianzo no II Foro de Liderado feminino no rural "Alza Voz de Muller" que se celebra durante esta fin de semana baixo o título "Da conciencia á acción: liderar, emprender e transformar desde o rural".
Patricia Vilán interveu na mesa de diálogo "O sistema non é neutro: barreiras invisibles no emprendemento e no emprego” xunto con Eva López, responsable do programa Woman Emprende, e Rosa Arcos, socia fundadora da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR). Na súa intervención destacou a doble trampa á que enfrontan as mulleres en relación ás barreiras que padecen, xa que "fagamos o que fagamos, seremos xulgadas tanto se buscamos o noso estilo como se reproducimos o dos homes".
Vilán salientou que sobre a fenda salarial que padecen as mulleres "estamos no mellor escenario" a pesares de que en 2023 foi do 15,74%, 4.781 euros anuais en salario bruto, segundo datos do INE. E en materia de emprego, as mulleres que traballan a tempo completo son o 41% fronte ao 58 dos homes, e 3 de cada 4 persoas que traballan a tempo parcial son mulleres. Ademáis, "as mulleres con fillos menores de 15 anos teñen o dobre de probabilidades de estar en paro".
Para a secretaria xeral da FEGAMP o sistema laboral e empresarial segue sen ser neutro pola "infravaloración do traballo realizado polas mulleres, pola falta de transparencia nas empresas e administracións nas accións de promoción e pola falta de transparencia na asignación de complementos".
Este II Foro de Liderado feminino no rural "Alza Voz de Muller" foi inaugurado pola alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, acompañada da directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana; da deputada provincial, Rosa García, e do subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde.
Nas diferentes ponencias e mesas que o compoñen participarán mulleres emprendedoras e expertas en xestión, investigadoras e académicas universitarias, e representantes institucionais, que se alternarán con dinámicas participativas e obradoiros.

Sede Electrónica




