A Fegamp pide á Xunta claridade respecto ás saídas en núcleos de poboación de menos de 5.000 habitantes

Data: 

venres, 8 Maio, 2020 (Todo o día)

 

A Federación Galega de Municipios e Provincias pediu á Xunta de Galicia maior concreción respecto ao anuncio do levantamento das restricións horarias por franxas de idade para as saídas en núcleos de poboación separados de menos de 5.000 habitantes.

Na reunión do CECOP do 5 de maio, informouse que a Xunta solicitaría ao Ministerio de Sanidade que ampliase a exención das franxas horarias establecidas na Orde SND/380/2020, de 30 de abril en máis núcleos de distinta natureza que os estritamente sinalados en dita orde.

A última hora da tarde de onte, a Fegamp recibiu traslado por parte da Consellería de Administracións Locais  da interpretación da norma da Delegación do Goberno para a súa a posta en coñecemento das entidades locais. Dita interpretación da norma fai alusión ao “concepto de entidade colectiva de poboación, como agrupación de entidades singulares, definido polo Instituto Nacional de Estatística, como unidade ou entidade intermedia entre a entidade singular de poboación e o municipio” e cita varios exemplos como parroquias, irmandades ou concellos entre outras.

En cumprimento da súa obriga como membro do CECOP, a Fegamp deu traslado inmediato aos concellos. Porén, dado que a falta de concreción respecto ao concepto ou demarcación deixa unha ampla marxe de interpretación, e dado que Galicia conta cunha gran variedade de parroquias e entidades locais, a Federación Galega de Municipios e Provincias solicitou á Xunta de Galicia indicacións precisas sobre os requisitos e características que deben cumprir ditos núcleos de poboación, especialmente canto a distancias ou separación se refire.

A Fegamp confía en ter unha resposta o antes posible xa que as informacións divulgadas e a actual falta de precisión oficial xeran confusión tanto nas veciñanzas como nas administracións responsables do levantamento de ditas restricións de mobilidade por franxa de idade, que deben optar pola prudencia para non pór en risco a saúde pública e o control da pandemia.

Por outra banda, os concellos solicitan maior antelación, coordinación e precisión na comunicación das medidas cara a poder facer os preparativos e difusión oportuna á cidadanía.