A Fegamp presenta as 100 demandas para un municipalismo xusto con Galicia e coa cidadanía

Data: 

luns, 10 Abril, 2017 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias presentou hoxe as 100 medidas necesarias para garantir un trato xusto co territorio galego e especialmente o recoñecemento do papel dos gobernos locais. Trátase de demandas urxentes, posibles e viables a curto prazo, que foron aprobadas por unanimidade por todos os grupos políticos da Fegamp. O documento é resultado dun ano de intenso traballo por parte da Comisión de Expertos na materia e está sustentado en informes e cifras reais.

A Comisión impulsada pola Fegamp analizou polo miúdo catro piares básicos que deben reformularse no actual marco legal: financiamento, xestión orzamentaria, competencias e territorio. Os concellos son a administración máis próxima á veciñanza e sen dúbida algunha motor clave no desenvolvemento económico e demográfico, especialmente no medio rural. Nun momento no que os concellos están sendo sinalados como problema do país, os estudos hoxe presentados reivindican a súa existencia e, sobre todo, a súa función de apoio e axuda ás xentes do rural. As conclusións da Comisión poñen de manifesto a boa xestión económica e de prestación de servizos realizada, reclamando 100 medidas que suporían:

- Un reparto dos recursos igualitario, tanto por parte do goberno central, da Xunta e das Deputacións.

- Un aproveitamento máis eficiente deses recursos.

- Unha mellor prestación dos servizos á cidadanía.

- Un modelo de proximidade que teña en conta a realidade territorial galega.

As medidas foron presentadas polo presidente da Comisión, o catedrático da USC e ex conselleiro maior do Consello de Contas, Antonio López Díaz; o presidente da Fegamp, Alfredo García; o vicepresidente primeiro, Alfonso Villares; o vicepresidente segundo, Evencio Ferrero e o vicepresidente executivo, Manuel Mirás.

Algunhas cifras do actual modelo

- Os concellos galegos reciben do Estado 50€ menos por cada habitante respecto da media. Sumado aos fondos totais e á recadación fiscal propia, os concellos ingresan nas súas arcas 300€ menos por habitante. Con ese menor volume de recursos deben atenderse uns servizos que en Galicia, polo simple efecto da dispersión, resultan especialmente custosos. (Gráfico 1)

- Os concellos son os que mellor cumpren. A administración local é a menos endebedada de todas e en particular a galega. Os concellos galegos teñen a menor débeda de todo o Estado, e os máis cumpridores son os de menos poboación, cuestión que desbota a persecución que sofren. (Gráfico 2)

- Despois de atravesar difíciles momentos pola crise económica, con restricións orzamentarias e de capacidade de contratación, os gobernos locais consolidáronse como a mellor administración en termos financeiros e sendo a única que actualmente ten superávit. (Gráfico 3)

- Os concellos galegos prestan servizos sen recibir o financiamento que os acompañe: o marco competencial actual non responde á realidade. Galicia ten 313 concellos: o 4’1% do total de municipios do Estado, pero conta con máis de 30.000 entidades singulares de poboación, a metade das que hai en España. Núcleos de poboación por todo o territorio e aos que hai que atender: 41.000 quilómetros de estradas municipais e provinciais, alumeado público estendido sobre máis de 26.000 quilómetros, abastecemento de auga e recollida do lixo en cada núcleo. (Gráfico 4)

Apoiados polas cifras, as demandas.

- En financiamento, a esixencia dun equilibrio no reparto de fondos que teña en conta os factores que incrementan o custo da prestación de servizos e a progresiva desaparición do sistema de subvencións en favor das transferencias directas con criterios obxectivos de reparto.

- En xestión orzamentaria, as cifras avalan aos concellos como os máis responsables e eficientes polo que deben poder gastar o seu remanente sen restricións: son aforros propios. Ademais, cando se cumpran os criterios de estabilidade orzamentaria, non se debe ter en conta as imposicións da regra de gasto ao ser innecesarias.

- No marco de competencias, é precisa a aprobación dunha nova Lei de Bases de Réxime Local que clarifique as competencias de cada administración e, no caso dos concellos, acompañalas do correspondente financiamento. Pendentes do cambio da lei por parte do goberno central, a Fegamp agarda que a Xunta si execute o seu compromiso de elaborar a partir do próximo setembro unha nova normativa local galega que integre a Lei de Cooperación.

Aínda no marco competencial, e na función de apoio aos concellos que fan as Deputacións Provinciais especialmente aos de menos de 50.000 habitantes, a aposta é que fixen nos seus orzamentos cantidades relevantes para obras e servizos que se repartan baixo os mesmos criterios obxectivos solicitados a goberno central e autonómico. A maiores, é precisa unha carta de servizos mínimos de apoio homoxénea para o territorio e a prestación de servizos integrados para solucionar problemáticas complexas propias dos pequenos municipios, como a recollida do lixo ou o servizo de saneamento e abastecemento da auga.

- Ligado a este reequilibrio no territorio, unha vez estudados os datos e as funcións dos concellos a Fegamp aposta, como a fórmula máis axeitada e viable á hora de atender á veciñanza, pola prestación de servizos integrados baixo fórmulas de cooperación.

Descargas: 

FEGAMP