A FEGAMP promove minutos de silencio nos concellos e deputacións este venres 19 de setembro en solidariedade co pobo palestino en Gaza

Data: 

mércores, 17 Setembro, 2025 (Todo o día)

Así o acordou a súa Comisión Executiva fronte a recrudecimento da situación coa nova ofensiva militar despregada por Israel en Gaza e o mantemento do bloqueo humanitario.

Deste xeito, o municipalismo galego recolle o sentir da cidadanía galega como organización dos concellos e as deputacións galegas, institucións democráticas firmemente comprometidas cos valores da paz, da xustiza e os dereitos humanos.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2025.- A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) aprobou promover a celebración de minutos de silencio ou outras iniciativas públicas este venres 19 de setembro nos concellos e deputacións galegas condenando a ofensiva militar e o mantemento do bloqueo humanitario executado polo goberno de Israel contra o pobo palestino de Gaza.

Esta iniciativa solidaria poderá celebrarse nas portas dos concellos e das deputacións na hora que cada institución decida para facilitar a participación, e se poderá acompañar coa lectura de textos nos que se demande que o goberno israelí cese os ataques e a ocupación militar contra a poboación palestina de Gaza.

Con esta iniciativa, a FEGAMP recolle o sentir da cidadanía galega como organización dos concellos e as deputacións galegas, institucións democráticas firmemente comprometidas cos valores da paz, da xustiza e os dereitos humanos.

O presidente da FEGAMP, Alberto Varela, anima a todo o municipalismo galego a implicarse e a implicar ás súas veciñanzas nesta iniciativa “sendo hoxe unha prioridade para a cidadanía galega parar o xenocidio en Gaza”.