A FEGAMP reclama da Xunta e do Estado o coidado para os concellos que eles prestan á cidadanía (Día de Galicia, 25 de Xullo 2024)

Data: 

luns, 22 Xullo, 2024 (Todo o día)

Conmemora o Dia de Galicia reivindicando o coidado dos concellos galegos á cidadanía e reclamando ás outras administracións a coordinación e o financiamento que lles corresponde

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2024.- Coincidindo coa presentación pública do lema “Coidar dos concellos é coidar a Galicia” co que dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) van conmemorar o Día de Galicia neste 25 de Xullo de 2024, o seu presidente, Alberto Varela, reivindicou como “os concellos coidan das persoas nas súas cidades, vilas, parroquias, núcleos e aldeas, e como ao mesmo tempo, a Xunta e o Estado teñen que coidar tamén dos concellos galegos para coidar Galicia”.

Varela manifestou que dende o pasado Día de Galicia de 2023 “desenvolveuse un ano de xestión dos gobernos locais nun contexto de bonanza económica, con creación de emprego estable, crecemento da actividade económica e contención dos prezos” e que neste contexto, dende as administracións hai que seguir “mellorando as condicións de vida e de traballo para toda a poboación, especialmente para a que de menos recursos dispón”.

Fixo mención a que “esa boa situación económica ten que servir para resolver o  problema de acceso a unha vivenda digna ou de poder mantela, que se estende por Galicia agravado pola proliferación das vivendas de uso turístico e a súa incidencia na suba dos prezos”, apelando a “unha maior coordinación das administracións nas políticas que faciliten poder dispoñer dunha vivenda digna ás persoas e familias que o precisen”.

Nesa liña, o presidente da FEGAMP destacou a necesidade “de abordar o impacto do turismo nos concellos, para que todo o esforzo económico aplicado para mellorar os servizos públicos locais se compense axeitadamente polo financiamento público, dende os ingresos que reciben a Xunta de Galicia e o Estado polos impostos, o mesmo dende a aplicación de taxas turísticas, segundo sexa o caso”.

Ao mesmo tempo, Alberto Varela sinalou que “esa boa marcha económica en xeral tamén ten que traducirse na coordinación e respecto institucional entre os gobernos da Xunta de Galicia e de España cos concellos galegos no que atinxe, especialmente no que atinxe ás políticas sociais e da dependencia e co seu financiamento”

Lembrou que “os concellos galegos seguen achegando a meirande parte do custo dos servizos sociais, como está a acontecer co Servizo de Axuda no Fogar (SAF). As renovacións do servizo nos concellos sitúan o custo por riba dos 20 euros á hora, mentras que as achegas da Xunta e do Ministerio de Derechos Sociales pata o financiamento do SAF suman un monto equivalente a 12 euros por hora de servizo”.

“É imprescindible que suban substancialmente as súas achegas, e dende FEGAMP imos continuar esixindo o cumprimento do previsto na Lei de Dependencia para que o 100% do custo do SAF sexa asumido integramente pola Xunta e polo Ministerio” salientou o presidente da FEGAMP”.

Alberto Varela detívose no anuncio da Xunta de aprobar unha nova “Lei de Administracións Locais de Galicia”, sinalando que “os concellos galegos e a súa Federación estamos dispostos a que se nos emprace para participar na súa elaboración, e mesmo avaliar as posibilidades dun novo Pacto Local actualizado, despois de acabar de cumprir cos compromisos pendentes do Pacto Local, asinado en 2006, sobre gastos de centros sanitarios de Atención Primaria e de ensino”.

Sobre a decisión de subir o custo do canon da xestión dos residuos aos concellos por parte de Sogama e da Xunta, o presidente da FEGAMP lamentou que “aínda non se puidese consensuar unha solución satisfactoria para ambas partes cando está demostrado é a Xunta quen o recada e a hipotética bonificación procedente do Fondo de Cooperación Local significa unha disposición arbitraria da Xunta do financiamento dos concellos”.   

Alberto Varela confirmou que a FEGAMP mantén o ofrecemento para acadar unha solución, que evite aos concellos unha nova carga económica, xa que de confirmarse definitivamente a suba do canon aos concellos dende a Xunta, “se daría a entender que se quere cobrar aos concellos dúas veces polo mesmo concepto, e os concellos galegos precisamos do financiamento xusto que nos corresponde, e non estamos para financiar nin á Xunta nin ao Estado”.