Data:

A Coruña, 8 de setembro de 2026.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, foi recibido polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e mantiveron unha reunión sobre a situación do financiamento da Dependencia e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Galicia despois da aprobación do Real Decreto-Lei 17/2026, de medidas extraordinarias para o fortalecemento e consolidación do sistema para a Autonomía e a atención á Dependencia.
Despois da aprobación deste Real decreto-Lei a previsión é que a achega estatal a través do nivel mínimo de protección alcance os 270,8 millóns de euros en 2026 e preto de 361 millóns en 2027. Isto supón 90,2 millóns adicionais este ano e 180,4 millóns máis en 2027 respecto das contías que corresponderían antes do incremento aprobado.
Por este motivo, e en declaracións aos medios ao remate da reunión, Alberto Varela reiterou ao delegado do Goberno a demanda da FEGAMP que xa fixera ao ministro de Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy, na reunión mantida hai uns meses, de que "de todos os cartos que veñen para dependencia, unha parte importante ten que vir para axudar aos concellos no servicio de axuda no fogar, aquí en Galicia, o servicio máis demandado polos galegos". Varela insistiu que "non se entendería que non se aumentase o financiamento do SAF con ese incremento histórico en Dependencia que está aportando o Goberno do Estado".
O presidente da FEGAMP rematou as súas declaracións salientando que "parte deses fondos teñan un carácter finalista para o SAF e que non nos esquezamos dos concellos, porque somos quen estamos a soster este servizo, e ten que aproveitarse todo ese financiamento estatal e ver mellorado o financiamento que recibimos para xestionar ese servicio".






Sede Electrónica