A FEGAMP rexeita a proposta da Xunta e mantén a súa demanda para que se incremente a parte incondicionada do Fondo de Cooperación Local

Data: 

martes, 15 Outubro, 2024 (Todo o día)

Para a FEGAMP a contía dirixida aos concellos de menos de 15.000 habitantes anunciada onte pola Xunta de Galicia non resolve a desviación evidente a favor do goberno autonómico na evolución do financiamento local nos últimos anos.

A subida do canon de Sogama para 2025 tamén recibe o rexeitamento da FEGAMP, que presentará alegacións en liña coas xa presentadas en xullo contra a subida do canon para 2024.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2024.- A Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou esta mañá a súa xuntanza ordinaria mensual, na que se abordaron como principais asuntos a proposta de dotación económica do Fondo de Cooperación Local (FCL) no anteproxecto de Orzamentos 2025 da Xunta de Galicia, e a subida do canon de Sogama para 2025.

Despois da xuntanza de onte da Subcomisión Permanente do Réxime Económico e Financeiro da Comisión Galega de Cooperación Local, na que participaron o presidente, os vicepresidentes e a vicepresidenta da FEGAMP, e de recibir onte pola tarde o documento da consellería de Facenda da Xunta de Galicia, no que se concretaba a proposta anunciada pola maña na xuntanza, a Comisión Executiva da FEGAMP decidiu rexeitar a proposta.

A proposta da Xunta de Galicia de incorporar unha contía de 5.400.000 euros dirixida aos concellos de menos de 15.000 habitantes sigue a liña da condicionalidade defendida pola Xunta nestes anos, nos que sigue sen incrementarse a parte incondicionada do Fondo de Cooperación Local que reciben os trescentos trece concellos seguindo criterios obxectivos na súa distribución. Ademais, dende a FEGAMP se represente e defende os intereses de todos os concellos galegos, polo que non parece lóxico deixar fora desta proposta da Xunta aos concellos nos que viven máis do 60% dos galegos e galegas.

Dende a FEGAMP lémbrase que na súa pasada Asemblea Xeral, celebrada hai menos dun ano, os concellos galegos reafirmaron de xeito unánime a súa posición na defensa do financiamento local a través do Fondo de Cooperación Local, reclamando un “incremento do FCL que permita paliar ou reequilibrar a desviación a favor da Xunta de Galicia advertida na evolución do financiamento dos entes territoriais de Galicia nos últimos anos” e que “os recursos obtidos polos concellos con cargo ás dotacións orzamentarias do Fondo de Cooperación Local teñan carácter de financiamento incondicionado”. Para isto, se ten que avanzar na senda da “integración paulatina no Fondo de Cooperación Local das axudas e subvencións anuais que a Comunidade Autónoma destina ás entidades locais para o maior respecto á autonomía financeira e á suficiencia local” que debería rematar coa “aprobación dunha Lei autonómica específica de regulación da Participación nos Ingresos da Comunidade Autónoma dos concellos galegos consensuada coa FEGAMP na que se clarifique a participación anual e os criterios de reparto.”

Nese senso, o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, lembrou que “xa o pasado 26 de xuño de 2024 remitiu un escrito ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes manifestando a necesidade de que nesta lexislatura se recuperara a negociación previa que se producía en anos pasados, da dotación e criterios de reparto do Fondo de Cooperación Local, e que entendíamos  debería realizarse o máis axiña posible”. O 9 de setembro, e ante a falla de resposta “volvín a dirixirme á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para reiterar a nosa petición de convocatoria para poder debater e acordar unha distribución obxectiva dos Fondos” e finalmente “a xuntanza se mantivo onte para coñecer sobre a marcha a proposta da Xunta” sen tempo xa e sen atender as demandas sobre financiamento local dos concellos, dabondo coñecidas pola Xunta”.

Rexeitamento da subida do canon de Sogama para 2025

De seguido abordouse o asunto da subida do canón de Sogama para 2025. Despois da xuntanza mantida tamén polo presidentes, os vicepresidentes e a presidenta da FEGAMP coa conselleira de Medio Ambiente, o presidente de Sogama e outros responsables da Consellería, o pasado venres 27 de setembro, só onte recibiuse unha carta do presidente de Sogama na que se oficializa a información achegada na reunión e se indica o prazo de dez días hábiles para presentar alegacións.

Sobre este asunto, Alberto Varela, sinalou que “a xuntanza se celebrou despois de solicitala en reiteradas ocasións despois de ter coñecemento a través dos medios de comunicación de que o canon que pagan os concellos a Sogama ascenderá a 108 euros/tonelada en 2025, pudendo baixar a 83 euros/tonelada, tendo en conta que ata xullo o canon era de 66 euros/tonelada”.

Lembrou Varela que na xuntanza “se nos anunciou a subida do canon a 108 euros/tonelada e comunicou a decisión da Xunta de Galicia de seguir destinando 12 euros por tonelada a través da parte adicional do Fondo de Cooperación Local (fondo ambiental)”. O presidente da FEGAMP tamén lembrou que “a conselleira anunciou unha redución do canon para os concellos que asuman cumprir coa redución nun mínimo dun 1% da cantidade de residuos entregada a Sogama ou que  incrementen un 3% da recollida selectiva realizada a través dos contedores amarelo ou marrón.“

Alberto Varela reiterou que, sobre o pretexto do imposto estatal sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos, esgrimido por Sogama como unha das razóns para o incremento do canon, “é a Xunta de Galicia, socio maioritario de Sogama, quen ten previsto ingresar en 2024 a cantidade de 12.150.039 euros. Sogama indica que asumiu este imposto estatal no ano 2023, non sendo repercutido aos concellos, mais o que non indica é que fose ingresado na súa totalidade pola Xunta de Galicia ao ter cedida a xestión e recadación dese imposto dende 2022.”

Alberto Varela tamén sinalou sobre a “achega” da Xunta de Galicia a través do Fondo de Cooperación Local adicional, que “xa para os orzamentos de 2024 a Xunta de Galicia detraeu do financiamento dos concellos galegos 12,1 millóns de euros para a creación do Fondo Ambiental, que supostamente é a achega que realiza a Xunta de Galicia para minorar o canon por incineración e vertedoiro. Polo que a realidade é que esta achega é realizada polos propios concellos do seu sistema de financiamento.”

Con todo isto sobre a mesa, a Comisión Executiva acordou rexeitar a subida do canon de Sogama para 2025 e presentar alegacións en contra da subida en liña coas xa presentadas en xullo contra a subida do canon para 2024, como que a Xunta de Galicia achegue a cantidade total recadada/prevista en concepto de “imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos” para a aplicación de bonificacións no canon dos concellos.

Tamén instar á Xunta de Galicia a colaborar coas entidades locais, a través da FEGAMP, no asesoramento para a elaboración e aprobación de ordenanzas municipais de residuos, así como de plans de prevención e xestión de residuos. Tamén na posta en marcha de servizos de inspección de residuos, na implantación de sistemas de recollida separada de biorresiduos e doutras fraccións (téxtiles, enseres, mobiliario) de recollida separada obrigatoria a partires de 2025.

Colaboración tamén no establecemento de taxas ou prestacións patrimoniais, que permitan implantar o pagamento por xeración e que reflictan o custo real da recollida, transporte e tratamento dos residuos, e na promoción de campañas de sensibilización e concienciación social para favorecer o consumo responsable, inmaterial e reutilizable, así como a necesidade de separación en orixe para a posterior reciclaxe.

Por último, a FEGAMP solicita nas alegacións que antes do remate deste ano 2024, se constitúa un organismo permanente do que formen parte a Consellería de Medio Ambiente, Sogama e a FEGAMP (como representante de todas as entidades locais galegas), con participación proporcional e ponderada, co obxectivo de determinar todas as cuestións relativas á xestión de residuos na Comunidade Autónoma.

Dimisión de Héctor Corujo como vicepresidente primeiro

Como xa anunciara o PP de Galicia en medios, o alcalde de O Incio e actual vicepresidente primeiro da FEGAMP, Héctor Corujo, informou hoxe á Comisión Executiva da súa dimisión, recibindo o recoñecemento e agradecemento do presidente da FEGAMP polo traballo desenvolto neste tempo e pola súa implicación.

Comisión Executiva FEGAMP