A FEGAMP rexeita a suba do canon de Sogama e propón empregar o recadado pola Xunta polo imposto de residuos como alternativa

Data: 

martes, 9 Xullo, 2024 (Todo o día)

A Xunta de Voceiros e Voceiras da FEGAMP decidiu hoxe por acordo maioritario presentar alegacións por considerar que a suba do canon non está xustificada

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2024.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou na súa sede a Xunta de Voceiros e Voceiras, na que debateu sobre a decisión de Sogama de incrementar o canon que pagan os concellos pola xestión dos residuos.

Finalmente, a FEGAMP acadou un acordo maioritario ao respecto, aprobando o documento “Consideracións e proposta canon Sogama 2024” composto polas alegacións e propostas que dende FEGAMP se van achegar á Sogama e a Xunta de Galicia para resolver a suba do canon sen agravar a situación económica dos concellos.

No documento se destaca todo o vencellado co imposto estatal sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos, esgrimido por Sogama como unha das razóns para o incremento do canon, estimando Sogama que terá que pagar 9,1 millóns de euros.

Este imposto é estatal pero a través da Lei 36/2022, do 27 de decembro, pola que se modificou a Lei 17/2010, do 16 de xullo, do Réxime de Cesión de Tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión, materializouse a cesión do referido Imposto e, como consecuencia, a Xunta de Galicia, socio maioritario de Sogama, ten previsto ingresar en 2024 a cantidade de 12.150.039 euros. Sogama indica que asumiu este imposto estatal no ano 2023, non sendo repercutido aos concellos, mais o que non indica é que fose ingresado na súa totalidade pola Xunta de Galicia.

Cabe destacar que a Xunta de Galicia alegou contra a implantación deste imposto, e de crearse o imposto por norma estatal, debese ser cedido ás CCAA, en concreto, xestionado pola administración tributaria galega, como así se fixo.

Tamén avalíase a suba do canon proposta por Sogama fixando un canon medio de 78 euros por tonelada para 2024 (68,05 euros de xaneiro a xuño e 88,05 € de xullo a decembro)  e como Sogama indica no seu escrito que a Xunta de Galicia achegará 9 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local adicional, co fin de minimizar o impacto da medida sobre as entidades locais, polo que o canon final sería de 66 euros / tonelada.

Pero o que Sogama non indica é que o Fondo de Cooperación Local é a translación da participación dos concellos nos ingresos da Comunidade Autónoma, prevista no artigo 142 da Constitución Española e no artigo 331 da Lei 5/1997, de Administración Local de Galicia, e que na disposición 5ª da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, modificouse a regulación do Fondo de Cooperación Local establecendo que os recursos obtidos polos concellos con cargo ás dotacións orzamentarias deste fondo terán carácter de financiamento incondicionado.

A pesares disto, para os orzamentos de 2024 a Xunta de Galicia detraeu desta participación dos concellos galegos, entre outras cuestións, 12,1 millóns de euros para a creación do Fondo Ambiental, que supostamente é a achega que realiza a Xunta de Galicia para minorar o canon por incineración e vertedoiro. Polo que a realidade é que esta achega é realizada polos propios concellos do seu sistema de financiamento.

Por todo o anterior, para a FEGAMP non estaría xustificado o incremento do canon, e de manterse esta suba, a configuración do financiamento en relación ao imposto tería como resultado unha repercusión de 0 euros para Sogama, un ingreso de 12,1 millóns de euros para a Xunta de Galicia e unha carga de 9,1 millóns de euros para os concellos.

A FEGAMP considera que o que está a acontecer e unha situación excepcional, derivado de que a Consellería de Medio Ambiente non determinou nos orzamentos 2024 o prezo por tonelada a aboar polas entidades locais, e non publicou a resolución anual pola que se aproba a proposta de revisión do canon unitario que percibirá Sogama pola xestión de residuos domésticos ou urbanos no ano 2024. Polo que todas as medidas extraordinarias a aplicar deberían evitar os graves problemas financeiros que isto podería supoñer para os concellos.

Como alternativa á suba do canon, dende a FEGAMP proponse a Sogama e á Xunta de Galicia que se empreguei a contía total de 12,1 millóns de euros do Fondo Ambiental detraído do Fondo de Cooperación Local, baixo criterios de poboación e de toneladas por concello.  

A iso habería que engadir unha achega da Xunta de Galicia por cantidade total recadada en concepto de imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos, pola que se orzamentou inicialmente 12.150.039 € para aplicar bonificacións no canon dos concellos e deste xeito cumprir os obxectivos marcados coa creación deste tributo, como poden ser as xa contempladas en anos anteriores:

  1. Promover a redución da produción de lixo e/ou incrementar a reciclaxe dos envases lixeiros.
  2. Trasladar esta rebaixa aos recibos da veciñanza e implantar a recollida separada da materia orgánica a través do quinto contedor.
  3. Instaurar un programa de compostaxe domiciliario e/ou comunitario en concellos.

Por último, a FEGAMP propón crear unha  comisión de traballo con Sogama e as Consellerías de Medio Ambiente e de Facenda para determinar as condicións do canon para o ano 2025 antes da aprobación do Proxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para ese ano. Esa comisión tamén traballaría sobre o cambio de modelo de xestión de residuos en Galicia, incluíndo o debate sobre a fórmula que permita a cada concello acceder á redución do canon, aínda que non incorpore o quinto contedor, e valorando para  esa redución o compromiso de cada concello na aplicación da compostaxe individual ou comunitaria.