A FEGAMP saúda a aprobación da modificación do decreto que amplía o acceso ao rexistro profesional de socorristas

Data: 

martes, 16 Maio, 2023 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2023.- Dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) valórase positivamente que o Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobase o xoves 4 de maio de 2023, a modificación do Decreto 152/2021 polo que se regulan as condicións para o exercicio profesional das actividades de socorrismo acuático, que ten que facilitar incrementar o número de profesionais que conten coa formación adecuada e garantir así a seguridade dos bañistas cun servizo seguro e de calidade. Finalmente foi publicado hoxe, 16 de maio de 2023 no Diario Oficial de Galicia (DOGA) o Decreto 43/2023, do 4 de maio, polo que se modifica o Decreto 152/2021, do 21 de outubro, polo que se regulan as condicións para o exercicio profesional das actividades de socorrismo acuático, información e primeiros auxilios nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas na Comunidade Autónoma de Galicia

As esixencias do Decreto aprobado pola Xunta de Galicia en outubro de 2021 provocaron que o pasado verán non houbera dispoñibilidade de titulados para cubrir todas as praias e piscinas e que, en moitos casos, non se prolongara o servizo durante o bo tempo que nos acompañou máis aló dos tradicionais meses de vacacións.

A FEGAMP alertou deste risco ao comezo da pasada tempada estival tras realizar unha sondaxe a raíz da preocupación trasladada polos concellos. O estudo amosaba que en xullo o 37% das prazas en piscinas municipais, o 45% en praias marítimas e o 57% no caso das fluviais quedaban ao descuberto. Ante esa situación, a FEGAMP propuxo incorporar novas vías de acceso ao exercicio profesional de socorrismo acuático en Galicia.

Tras varias xuntanzas de traballo, FEGAMP e Xunta, xunto con o Clúster Galego da Industria do Deporte e ás asociacións profesionais do sector, acordaron o pasado 5 de decembro de 2022 incrementar as vías de acceso á profesión de socorrista para facilitar a prestación do servizo nos concellos, incluíndo a posibilidade de realizar un curso de 120 horas para instalacións e espazos acuáticos ao que se poida acceder sen formación previa. O curso requirirá unha proba de natación e distribuirase en tres módulos centrados na prevención de accidentes, no rescate e nos primeiros auxilios.

A proposta da Federación Galega de Municipios, elimínanse as prácticas profesionais de 80 horas ao remate da formación. Ademais, amplíanse as entidades capacitadas para impartir os cursos, que deben estar dedicadas á formación segundo os seus estatutos, e dispor das instalacións, profesorado e material esixido, así como experiencia de anos na preparación de colectivos en asuntos relacionados co socorrismo, seguridade ou emerxencias.