A FEGAMP selecciona un concello para executar un piloto de comunidade enerxética rural

Data: 

venres, 5 Abril, 2024 (Todo o día)

Esta acción forma parte do proxecto CEL RURAL no que participa a FEGAMP e neste piloto vaise investir preto de 50.000 euros en 2024.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2024.- Dentro das súas actuacións no proxecto “CEL RURAL: Desenvolvemento de actuacións piloto para o fomento de comunidades enerxéticas locais en entornos rurais do espazo POCTEP”, financiado polo programa Interreg, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) está a promover a selección dun concello no que poder executar un piloto de comunidade enerxética rural instalando a tecnoloxía necesaria e realizando as inversións previstas no proxecto para o ano 2024 que suman preto de 50.000 euros. 

Por este motivo ten aberto un proceso de selección deste concello piloto no que serán elixibles aqueles concellos clasificados como Zonas Pouco Poboadas (ZPP) polo Instituto Galego de Estatísticas. Ademais, os criterios de selección de concellos piloto foron elaborados polo Instituto Tecnolóxico de Galicia, líder do consorcio e socio tecnolóxico do proxecto, e consensuados coa FEGAMP.

Coa súa implicación no proxecto CEL RURAL, a FEGAMP busca contribuír aos desenvolvemento das comunidades enerxéticas en Galicia e, concretamente, entre os concellos rurais galegos. A implantación de enerxías renovables no ámbito rural,  reforzando o desenvolvemento dun sistema enerxético sustentable e de proximidade en rexións transfronteirizas do espazo POCTEP é o que se persigue dende este proxecto mediante a adopción de modelos innovadores de autoconsumo enerxético compartido no ámbito das comunidades enerxéticas locais en contornas rurais.

Por isto, no desenvolvemento do proxecto son cruciais as experiencias piloto  que permitirán coñecer de modo rigoroso as dificultades a afrontar ao desenvolver este tipo de iniciativas. A partir dos resultados obtidos, elaboraranse metodoloxías, guías e actividades de formación e difusión para transferir o coñecemento.

Ata hoxe mesmo xa son quince os concellos que rexistraron a súa candidatura e aínda poden facelo más concellos ata as 14:00 horas do vindeiro 12 de abril de 2024 dende a web da FEGAMP www.fegamp.gal .