A FEGAMP solicitou ao ministro de Dereitos Sociais carácter finalista para o SAF dunha parte dos fondos transferidos á Xunta para atender á Dependencia

Data: 

xoves, 19 Febreiro, 2026 (Todo o día)

Na xuntanza abordouse “a grave problemática estrutural e de financiamento que están a soportar os concellos galegos na xestión do SAF”.

Madrid, 19 de febreiro de 2026.- O presidente da Federación Galega de Municipios e provincias (FEGAMP), Alberto Varela, reuniuse esta tarde co ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy, e coa secretaria de Estado de Dereitos Sociais, María Rosa Martínez, co obxecto de abordar a grave problemática estrutural e de financiamento que están a soportar os concellos galegos na xestión do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Na reunión, o presidente da FEGAMP solicitou ao ministro de Dereitos Sociais que dos fondos transferidos polo Goberno á Xunta de Galicia para atender á Dependencia que teña que destinarse unha parte deles con carácter finalista para atender o financiamento do SAF, co obxectivo de acadar o máis cedo posible o financiamento ao 100% do SAF entre Xunta de Galicia e Goberno, como establece a Lei de Dependencia.

O recente acordo asinado pola FEGAMP coa Xunta de Galicia para mellorar o financiamento do SAF, polo que se pasaría dos 12 euros por hora de servizo anteriores, compostos por achegas da Xunta e do Goberno, aos 16 euros en 2026, 17 euros en 2027 e 18 euros en 2028, foi presentado ao ministro polo presidente da entidade municipalista, xunto coa información actualizada que se dispón dende a FEGAMP sobre a situación do SAF en Galicia.

Nesa información confírmase que en decembro de 2025 Galicia contaba con 22.819 usuarios no SAF, sendo o custo medio calculado pola FEGAMP nesas datas de 21,45 euros por hora de servizo. Xa hai concellos nos que xa se superan os 24 euros/hora, como tendencia ascendente que se manterá nos próximos anos.

Alberto Varela salientou que “os concellos estamos a sufragar unha importantísima parte do custo do SAF con fondos propios”, e co incremento pactado no período 2026-2028, “este esforzo económico dos concellos co SAF vai descender, pero en calquera caso é necesario que tanto Goberno e Xunta valoren o custo real de SAF e acheguen a cantidade necesaria para sufragar o 100% do mesmo cando acorden os obxectivos anuais para este servizo”.