A Fegamp traslada aos concellos cambios do fondo de rescate e estuda cos técnicos a súa aplicación

Data: 

mércores, 27 Xaneiro, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias trasladou ao Clúster de Turismo e á Xunta de Galicia unha estimación da cantidade económica que as entidades locais poderían chegar a aportar ao fondo de rescate en proxecto para autónomos, microempresas e hostalaría. En base aos contactos e cálculos realizados nas 48 horas que tivo de marxe, a Fegamp sinalou que esta cantidade estaría entre os 20 e os 25 millóns. Dita cifra acadaríase coa aportación do 1% dos orzamentos por parte das deputacións (5.386.686 €) o 1% das cidades de máis de 20.000 habitantes (12.924.840 €), e o resto polo concellos menores, para os que é necesario concretar cuestións técnicas como os parámetros de aportación e os factores de corrección ou axuste que se introducirán.

A Fegamp agradece o esforzo do compromiso do 1% a pesar de que a Xunta non se aveu a igualar a súa aportación orzamentaria e déixaa en 75 millóns (0’83% do presuposto da Goberno galego)

A Federación considera o acordo económico un gran avance que permite aproximar un presuposto e continuar a traballar no desenvolvemento do plan. Espera que neste novo prazo de 48 horas para estudar as novas informacións recibidas respecto á proposta da Xunta, os técnicos topen solucións para a súa aplicación. Unha da cuestión máis importante é como facer que os concellos que teñen máis axilidade administrativa poidan xestionar as axudas para os solicitantes da súa localidade, e aos concellos menores que non poidan garantir rapidez nas transferencias darlle a posibilidade de delegar nas Deputacións ou na administración autonómica. A Xunta propón facer o reparto en solitario xa que “non sabe tecnicamente como resolver esta ecuación”.

A opción ideal sería a “xanela única” e os técnicos do municipalismo tentarán topar unha solución. Non obstante, as entidades locais garantiron aos empresarios que poden confiar que dun xeito ou doutro recibirán as axudas.