A FEGAMP vai formar máis de dous mil profesionais das administracións locais galegas durante 2023

Data: 

mércores, 31 Maio, 2023 (Todo o día)

O Plan de Formación Continua da FEGAMP recibiu máis de tres mil solicitudes para as dous mil cen prazas ofertadas.

Para a FEGAMP é central poder contribuír a mellorar a capacidade profesional das persoas que traballan nas administracións locais galegas.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023.- Mañá, xoves 1 de xuño, comeza a desenvolverse o Plan de Formación Continua da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Este Plan componse de corenta e cinco cursos en modalidade presencial e en liña cun total de dous mil cen prazas ofertadas a persoal das administracións locais galegas (concellos, deputacións, consorcios e mancomunidades).

Entre os contidos dos cursos atópanse materias como as novidades  no procedemento administrativo local; intervención socioeducativa contra a violencia machista; ciberseguridade; fondos europeos “Next Generation”; novidades de regulación urbanística; goberno aberto e procedemento tributario, entre os máis de corenta contidos distintos.

Dezaseis destes corenta e cinco cursos son os que comezarán a impartirse a partires de mañá, xoves 1 de xuño, e os restantes vinte e nove impartiranse do 4 de setembro o 30 de outubro deste ano.

Como ven sendo habitual cada ano, esta oferta formativa da FEGAMP é moi ben recibida polo persoal das administracións locais, cubríndose todas as prazas en menos dunha semana que durou o prazo de inscrición, do 19 o 25 de abril pasados. En total, recibíronse más de tres mil solicitudes.

De feito, dende o ano 2008 a FEGAMP ofertou 520 cursos que tiveron dezasete mil catro centos corenta e cinco participantes, o que amosa o compromiso real da FEGAMP na mellora da capacidade profesional do persoal dos concellos, deputacións, mancomunidades e consorcios.