A Fegamp ve positivo que se abra a porta á celebración de festas e verbenas e insiste á Xunta na necesidade dun protocolo

Data: 

sábado, 13 Xuño, 2020 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias está de acordo con que se abra a porta á celebración de festas, verbenas e outros eventos populares de forma adaptada á nova situación por mor da COVID19.  O D.O.G. publicado hoxe coas medidas para enfrontar o coronavirus trala superación da fase 3 e cara á nova normalidade, sinala estas celebracións entre as actividades que o Goberno autonómico podería autorizar a partir do primeiro de xullo “nas condicións que previamente estableza”. 

Nese senso a Fegamp confía que a Xunta proporcione aos concellos unhas directrices concretas sobre a organización de estes eventos. Anteriormente o Goberno autonómico sinalara como responsable ao Goberno do Estado e aos concellos como autoridade competente no caso do fin do mando único. O pasado 30 de maio o presidente da Fegamp Alberto Varela solicitara no CECOP un protocolo ou instrucións sobre as medidas a seguir para poder organizar este tipo de eventos, xa que “e unha situación tan excepcional que no caso de que se poidan celebrar verbenas populares non podemos ampararnos só na Lei de espectáculos senón que os concellos temos que ter instrucións claras das autoridades sanitarias galegas sobre que medidas extraordinarias teríamos que adoptar”. A Fegamp confía que dada a complexidade deste tipo de eventos no contexto da pandemia, a Xunta elabore un documento con indicacións precisas como se fixo para establecementos comerciais, hostalaría e restauración entre outros.

Nas últimas semanas, Varela veu mantendo distintas reunións con representantes de empresarios de orquestas, feirantes e atraccións, indicándolles a interese por parte dos concellos de organizar estes eventos tanto para satisfacer a demanda da cidadanía como pola repercusión para o tecido económico da zona. Porén, explicoulles que os concellos carecen de competencias e profesionais no ámbito sanitario e que para asumir esa responsabilidade e garantir a seguridade tanto dos traballadores como dos veciños e veciñas asistentes aos eventos, é preciso que a Xunta elabore un documento coas medidas a seguir. Varela tamén trasladou a solidariedade do municipalismo cos empresarios de orquestas, feiras, atraccións e artes escénicas, aos que considera que a Xunta ten que facer partícipes das axudas económicas previstas por mor da COVID19. A disposición publicada no D.O.G. marca cando menos un horizonte de traballo para estes profesionais, que contan coa máxima disposición dos concellos para reiniciar a actividade tan pronto a Xunta proporcione o protocolo.