FONDO ADICIONAL AO FONDO DE COOPERACIÓN LOCAL DESTINADO AOS CONCELLOS DE GALICIA PARA A PARTICIPACIÓN EN PROXECTOS TÉCNICOS DE CREACIÓN E DESENVOLVEMENTO DE COMUNIDADES ENERXÉTICAS. PRAZO: 05-06-2023

Data: 

venres, 5 Maio, 2023 (Todo o día) a luns, 5 Xuño, 2023 (Todo o día)

 

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes 

ORDE do 19 de abril de 2023 pola que se establecen os criterios de distribución do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado aos concellos de Galicia para a participación en proxectos técnicos de creación e desenvolvemento de comunidades enerxéticas, previsto no artigo 59.catro da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023 (código de procedemento PR486C).

Obxecto

Esta orde establece os criterios e o procedemento para a distribución da dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local prevista na alínea i) do artigo 59.catro da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023 (DOG núm. 248, do 30 de decembro), destinada a concellos de Galicia, con código de procedemento PR486C, para o financiamento da súa participación en proxectos de creación e desenvolvemento de comunidades enerxéticas que contribúan á integración das enerxías renovables na actividade local e incrementen a participación destas no consumo final de electricidade, calefacción e transporte.

Destinatarios

Poderán ser destinatarios da dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local a que fai referencia esta orde os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter remitida a conta xeral do exercicio 2021 ao Consello de Contas de Galicia.

b) Que vaian promover ou participar nunha comunidade de enerxías renovables, nos termos establecidos no artigo 6.1.j) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local

1. A dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local que se distribúe mediante esta orde ascende a un total de 1.000.000,00 €.

2. A distribución entre os concellos destinatarios realizarase en función dos criterios aprobados pola Dirección Xeral de Administración Local.

Actuacións financiables

1. A dotación do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local a que fai referencia esta orde está destinada ao financiamento dos proxectos técnicos para a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas que contribúan á integración das enerxías renovables na actividade local e incrementen a participación destas no consumo final de electricidade, calefacción e transporte

2. Ao abeiro desta orde serán financiables os custos directamente relacionados coa preparación e redacción dos proxectos, tales como contratos de servizos ou honorarios profesionais de arquitectura e enxeñaría (IVE incluído), para a creación e posta en marcha da comunidade enerxética, para a execución das obras ou para a instalación dos equipamentos necesarios.

Prazo e forma de presentación

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

Máis Información

-Na Dirección Xeral de Administración Local.

Descargas: