Data:
Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ORDE do 30 de decembro de 2016 pola que se regulan os criterios de repartición e se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2017, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia. BDNS(Identif.): 329105.
Obxecto
1. O Fondo de Compensación Ambiental ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. Este fondo carece de personalidade xurídica e a súa xestión correspóndelle á dirección xeral competente en materia de réxime local, de conformidade coas directrices que se establezan nesta orde.
2. Por medio desta orde regúlanse os criterios de repartición e establécense as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2017, en réxime de concorrencia non competitiva e concorrencia competitiva, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, afectadas á realización de gastos que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.
Liñas de subvención, beneficiarios individuais e de xestión compartida e exclusións
1. Esta orde reguladora da convocatoria de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental inclúe, segundo o principio de economía procedemental, dúas liñas de subvención coa mesma causa e finalidade, isto é, o cumprimento da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental:
a) Convocatoria de subvencións de natureza non competitiva, destinada a aqueles concellos de Galicia cuxo territorio municipal estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e, igualmente, aos afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación, relacionados no anexo V desta orde, que formulen:
a. Petición de maneira individual.
b. Petición de maneira conxunta mediante agrupación ou asociación de concellos nos termos do artigo 9.
b) Convocatoria de subvencións de natureza competitiva:
a. Os concellos de Galicia que formulen petición de maneira individual.
b. Os concellos de Galicia que formulen petición de maneira conxunta mediante agrupacións ou asociacións de concellos, nos termos do artigo 9.
c. As mancomunidades de concellos de Galicia.
d. Os consorcios locais de Galicia, constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, sempre que estean participados por un ou varios concellos.
2. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta orde as deputacións provinciais.
Gastos subvencionables
1. Considéranse gastos elixibles ou subvencionables:
a) Os investimentos en inmobilizado: custo de man de obra externa, execución material, equipamentos e instalacións. Cando no investimento participe directamente persoal da entidade local procederase á imputación dos gastos correspondentes ao persoal utilizado.
b) Custos de proxecto e dirección de obra, de tratarse de contratacións externas.
c) Custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural. No caso de utilizar persoal da entidade local procederase á imputación dos gastos correspondentes ao persoal utilizado.
d) Contratación de persoal para os servizos municipais nos termos desta orde.
2. Considéranse tamén gastos subvencionables:
a) Os contratos de subministración para a adquisición de equipamentos, produtos, vehículos ou bens mobles.
b) Os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado, se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.
c) Os tributos, sobre todo o imposto sobre o valor engadido (IVE) son subvencionables se o beneficiario os aboa efectivamente. En ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.
d) Os custos indirectos formarán parte da xustificación da subvención, sempre que os imputase o beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo con principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.
3. En todo caso, as subvencións están destinadas á realización de actuacións de investimento e a custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural, e deberán responder a algún dos seguintes criterios ou obxectivos:
a) Actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e máis á recuperación do medio natural degradado ou contaminado.
b) Actuacións de impulso da eficiencia e de utilización sustentable das enerxías renovables.
c) Outras actuacións de protección do ambiente e do espazo natural.
Para os efectos do previsto neste artigo, considerarase que atenden aos criterios determinados nas letras a), b) e c) do ordinal terceiro anterior, entre outros, os seguintes proxectos:
a. Recuperación de espazos ambientalmente degradados ou contaminados.
b. Proxectos de eficiencia enerxética na luz pública ou obras en edificios municipais que supoñan unha mellora na eficiencia enerxética do edificio.
c. Proxectos de utilización sustentable de enerxías renovables en instalacións e edificios municipais.
d. Vehículos eléctricos e vehículos híbridos.
e. Centros de interpretación do ambiente e aulas da natureza.
f. Parques-escolas infantís que teñan como contido ou característica principal a utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais.
g. Paseos, áreas recreativas e rutas de sendeirismo que se localicen ou transcorran por zonas con valores ambientais, para a súa utilización recreativa e/ou didáctica.
h. Puntos limpos e centros de reciclaxe de residuos.
i. Proxectos de saneamento, redes de sumidoiros e abastecemento de augas.
j. Proxectos e actuacións no ámbito municipal para evitar a degradación e a deterioración ambiental.
k. Proxectos e actuacións para o control ambiental no ámbito municipal, tales como a adquisición de equipamento para efectuar as medicións relacionadas con actividades molestas e insalubres e para a toma de mostras, tanto sólidas como líquidas, no caso de residuos e verteduras.
l. Adquisición de vehículos destinados a actuacións de protección do ambiente e do espazo natural, incluídas aquelas actuacións que teñen por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco.
m. Vehículos con equipamento especial para o desenvolvemento de tarefas no eido ambiental tales como sonómetros para efectuar as medicións relacionadas cos ruídos molestos e insalubres e/ou equipamento para toma de mostras, tanto sólidas como líquidas, nos casos de residuos e verteduras.
Contratación de persoal e imputación de custos
1. Considéranse subvencionables os custos de persoal sempre que estean vinculados á execución das actuacións subvencionadas.
2. Os custos de persoal comprenden tanto o persoal propio da entidade local como o persoal contratado especificamente para a execución das actuacións subvencionadas:
a) Nas subvencións para gastos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural, poderanse imputar os gastos correspondentes ao persoal utilizado:
1º. Persoal propio da entidade local.
2º. Persoal contratado especificamente para os servizos de que se trate.
b) Nas subvencións para investimentos, poderanse imputar os custos de persoal utilizado para a execución das actuacións subvencionadas:
1º. Persoal propio da entidade local.
2º. Persoal contratado especificamente para a execución da actuación subvencionada.
3. Para os efectos do previsto neste artigo, considerarase que atenden aos criterios determinados nos números 1 e 2 anteriores, entre outros, a contratación de persoal para a realización dalgunha das seguintes actividades ou servizos:
a) Técnicos de ambiente e/ou urbanismo.
b) Vixilantes ambientais.
c) Auxiliares de policía local contratados para a tempada de verán, sempre que desenvolvan tarefas vinculadas ao ambiente, como controis de contaminación acústica.
d) Servizos de xestión da auga, protección e mantemento de espazos naturais.
Custos de funcionamento dos servizos municipais, mancomunados ou consorciados dedicados á protección do ambiente e do espazo natural
Para os efectos desta orde considéranse custos de funcionamento dos servizos municipais, os dedicados á protección do ambiente e do espazo natural, sempre que se acredite mediante certificación emitida pola secretaría da entidade local solicitante a vinculación do gasto co servizo ou servizos municipais, mancomunados ou consorciados que teñan asignadas as funcións da protección do ambiente e do espazo natural.
Custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural, executados con anterioridade á publicación da orde de convocatoria
Serán subvencionables os custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural en que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de actuacións acordes coa presente orde de convocatoria, incluso aqueles que se efectuasen con anterioridade á publicación da orde, sempre que se trate de gastos correspondentes ao exercicio orzamentario 2017, sen prexuízo do deber do cumprimento de todas as obrigas e os trámites recollidos na orde e demais lexislación vixente.
Prazo
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.