Data:
Instituto Galego da Vivenda e Solo
RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2025 pola que se regula o Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción, e se convoca o acceso ao dito fondo para a anualidade 2025 (código de procedemento VI406I).
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto regular a xestión e o acceso ao Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción (en diante, Fondo de cooperación), así como fixar o procedemento, as condicións e os criterios para acceder a el.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase para a anualidade de 2025 o acceso ao dito fondo (código de procedemento VI406I).
Concellos destinatarios do financiamento
Poderán acceder ao financiamento a través do Fondo de cooperación todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Carácter e dotación do fondo de cooperación
1. O Fondo de cooperación será xestionado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e non terá personalidade xurídica.
2. O Fondo de cooperación estará dotado de 10.000.000 euros, procedente dos depósitos obrigatorios das fianzas de arrendamento.
3. As devolucións efectuadas polos concellos pasarán novamente a formar parte do Fondo de cooperación, para que poida ser reutilizado en novas disposicións por parte dos concellos.
4. O Fondo de cooperación dotarase nunha conta específica de titularidade do IGVS, mediante unha transferencia bancaria procedente das contas de fianzas do organismo. Esta operación terá unha correlación na contabilidade orzamentaria do IGVS, mediante a creación e dotación dos conceptos de ingresos e gastos financeiros correspondentes.
5. O fondo contará cunha contabilidade separada da do IGVS, con que presentará os seus estados orzamentarios e contables de xeito consolidado. En todo caso, estará sometido ao réxime de auditoría, control e rendición de contas que resulte aplicable ao organismo.
6. A conta do fondo unicamente poderá admitir ingresos procedentes das contas do IGVS arriba sinaladas e dos reintegros dos préstamos efectuados polos concellos.
7. Os xuros que devindique esta conta ingresaranse na tesouraría do IGVS, con aplicación ao concepto oportuno do orzamento de ingresos.
Condicións de financiamento
1. Ningún concello poderá presentar unha ou varias solicitudes de disposición de fondos que, individual ou conxuntamente, excedan o 40 % do total do importe con que está dotado o Fondo de cooperación. Non se admitirán aquelas solicitudes que superen o dito límite.
2. O prazo para a reposición das cantidades percibidas con cargo ao Fondo de cooperación será o establecido na resolución de aprobación do financiamento, sen que poida exceder de oito anos, contados desde o día seguinte ao da data da formalización do correspondente convenio.
3. A reposición das cantidades correspondentes a cada anualidade deberá realizarse antes do último día hábil do mes de setembro de cada ano.
4. O importe que debe repoñer o concello en cada anualidade non poderá ser inferior ao 10 % do importe total transferido.
Convenios de financiamento
1. A aprobación do acceso ao Fondo de cooperación materializarase mediante a sinatura do correspondente convenio entre o IGVS e o concello destinatario do financiamento, segundo o modelo que figura como anexo II a esta resolución.
2. A sinatura do convenio de financiamento terá lugar no prazo non superior a un mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución de aprobación de acceso ao financiamento.
A sinatura do convenio suporá a íntegra aceptación polo concello do contido da resolución de acceso ao Fondo de cooperación.
De non asinarse o convenio por causas imputables ao concello, este perderá o dereito ao acceso ao financiamento solicitado, que se declarará mediante a correspondente resolución.
Actuacións financiables mediante o Fondo de cooperación
1. Con cargo ao Fondo de cooperación poderán financiarse, total ou parcialmente, as seguintes actuacións:
a) A promoción de vivenda protexida de nova construción, directamente ou a través de outros promotores públicos ou privados.
b) As de urbanización dirixidas ao paso dun ámbito de solo da situación de rural a urbanizado para crear, xunto coas correspondentes infraestruturas e dotacións públicas, unha ou máis parcelas aptas para a edificación ou uso independente e conectadas funcionalmente coa rede dos servizos exixidos pola ordenación territorial e urbanística.
c) A adquisición de solo para a promoción de inmobles de nova construción para a súa cualificación como vivendas protexidas.
2. As vivendas que se promovan deberán cualificarse como vivendas protexidas no réxime que corresponda e respectar o disposto na normativa vixente en función da súa cualificación.
3. Poderanse financiar as actuacións iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude de acceso ao financiamento, sempre que estean en execución nesa data.
4. As actuacións obxecto de financiamento deberán executarse no prazo máximo de catro anos, nos supostos previstos nas letras a) e b) do número 1, e de dous anos para os casos establecidos na letra c), salvo que, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e logo da solicitude do concello, se estableza un prazo maior por concorrer causas debidamente xustificadas no expediente. Estes prazos empezarán a contar desde o día seguinte ao da data de sinatura do correspondente convenio de financiamento.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 15 de outubro de 2025 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, para o caso de que o devandito esgotamento se tivese producido con anterioridade á dita data.
Máis Información
-Na Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).