FONDO DE COOPERACIÓN PARA O APOIO AO FINANCIAMENTO DE ACTUACIÓNS DE REHABILITACIÓN E CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO CONSTRUÍDO EN CONCELLOS DE MENOS DE 50.000 HABITANTES. PRAZO: 30-09-2022

Data: 

venres, 1 Xullo, 2022 (Todo o día) a venres, 30 Setembro, 2022 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2022 pola que se convoca, para a anualidade 2022, o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (código de procedemento VI438A).

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar, para a anualidade de 2022, o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (en diante, Fondo de cooperación), así como fixar o procedemento, as condicións e os criterios para acceder a el (código de procedemento VI438A).

Concellos destinatarios do financiamento

Poderán acceder ao financiamento a través do Fondo de cooperación os concellos de menos de 50.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística en 1 de xaneiro de 2022.

Actuacións financiables mediante o Fondo de cooperación

1. Con cargo ao Fondo de cooperación poderán financiarse, total ou parcialmente, as seguintes actuacións:

a) As promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia ou a lexislación urbanística, en relación cos deberes de conservación e rehabilitación.

b) As de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído.

c) A adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

d) A elaboración de plans especiais de protección.

2. Poderanse financiar as actuacións iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude de acceso ao financiamento, sempre que estean en execución nesa data.

3. As actuacións obxecto de financiamento deberán executarse no prazo máximo de catro anos, nos supostos previstos nas letras a), b) e d) do número 1, e de dous anos, para os casos establecidos na letra c). Estes prazos empezarán a contar desde o día seguinte ao da data de sinatura do correspondente convenio de financiamento.

Crédito orzamentario

1. O Fondo de cooperación está dotado para esta convocatoria cun importe de 11.295.000 euros, respectando a disposición máxima prevista no artigo 13 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

2. As disposicións de cantidades do Fondo de cooperación previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.821.60, correspondente á anualidade 2022 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Condicións de financiamento

1. Ningún concello poderá presentar unha ou varias solicitudes de disposición de fondos que, individual ou conxuntamente, excedan o 25 % do total do importe co que está dotado o Fondo de cooperación establecido na Resolución do 20 de setembro de 2016. Non se admitirán aquelas solicitudes que superen o dito límite.

2. O prazo para a reposición das cantidades percibidas con cargo ao Fondo de cooperación será o establecido na resolución de aprobación do financiamento, sen que poida exceder os oito anos, contados desde o día seguinte ao da data da formalización do correspondente convenio.

3. A reposición das cantidades correspondentes a cada anualidade deberá realizarse antes do 30 de setembro de cada ano.

4. O importe que vai repoñer o concello en cada anualidade non poderá ser inferior ao 10 % do importe total transferido.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e rematará o 30 de setembro de 2022 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Máis Información

Na Dirección Xeral do IGVS.

Na Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

Descargas: