Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. Prazo: 31-10-2023

Data: 

venres, 25 Agosto, 2023 (Todo o día) a martes, 31 Outubro, 2023 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 2 de agosto de 2023 pola que se convoca, para a anualidade 2023, o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (código de procedemento VI438A).

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar, para a anualidade de 2023, o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (en diante, Fondo de cooperación), así como fixar o procedemento, as condicións e os criterios para acceder a el (código de procedemento VI438A).

Concellos destinatarios do financiamento

Poderán acceder ao financiamento a través do Fondo de cooperación os concellos de menos de 50.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística en 1 de xaneiro de 2023.

Crédito orzamentario

1. O Fondo de cooperación está dotado para esta convocatoria cun importe de 6.356.801 euros, respectando a disposición máxima prevista no artigo 13 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS.

2. As disposicións de cantidades do Fondo de cooperación previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.821.60, correspondente á anualidade 2023 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Actuacións financiables mediante o Fondo de cooperación

1. Con cargo ao Fondo de cooperación poderán financiarse, total ou parcialmente, as seguintes actuacións:

a) As promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, ou a lexislación urbanística, en relación cos deberes de conservación e rehabilitación.

b) As de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído.

c) A adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

d) A elaboración de plans especiais de protección.

2. Poderanse financiar as actuacións iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude de acceso ao financiamento, sempre que estean en execución nesa data.

3. As actuacións obxecto de financiamento deberán executarse no prazo máximo de catro anos, nos supostos previstos nas letras a), b) e d) do número 1, e de dous anos, para os casos establecidos na letra c). Estes prazos empezarán a contar desde o día seguinte ao da data de sinatura do correspondente convenio de financiamento.

Condicións de financiamento

1. Ningún concello poderá presentar unha ou varias solicitudes de disposición de fondos que, individual ou conxuntamente, excedan o 25 % do total do importe co que está dotado o Fondo de cooperación establecido na Resolución do 20 de setembro de 2016. Non se admitirán aquelas solicitudes que superen o dito límite.

2. O prazo para a reposición das cantidades percibidas con cargo ao Fondo de cooperación será o establecido na resolución de aprobación do financiamento, sen que poida exceder os oito anos, contados desde o día seguinte ao da data da formalización do correspondente convenio.

3. A reposición das cantidades correspondentes a cada anualidade deberá realizarse antes do 30 de setembro de cada ano.

4. O importe que vai repoñer o concello en cada anualidade non poderá ser inferior ao 10 % do importe total transferido.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Máis Información

Solicitudes para acceder ao Fondo de cooperación:

1. Os concellos que desexen acceder ao Fondo de cooperación deberán dirixir unha solicitude á Dirección Xeral do IGVS, segundo o formulario que figura como anexo I a esta resolución.

2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta convocatoria, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Descargas: