Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. Prazo: 31-10-2024

Data: 

martes, 11 Xuño, 2024 (Todo o día) a xoves, 31 Outubro, 2024 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo 

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2024 pola que se convoca, para a anualidade 2024, o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (código de procedemento VI438A).

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar, para a anualidade de 2024, o acceso ao Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (en diante, Fondo de cooperación), así como fixar o procedemento, as condicións e os criterios para acceder a el (código de procedemento VI438A).

Concellos destinatarios do financiamento

Poderán acceder ao financiamento a través do Fondo de cooperación os concellos de menos de 50.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística o 1 de xaneiro de 2024.

Crédito orzamentario

1. O Fondo de cooperación está dotado para esta convocatoria cun importe de 2.401.584 euros, respectando a disposición máxima prevista no artigo 13 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

2. As disposicións de cantidades do Fondo de cooperación previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 06.81.451A.821.60, correspondente á anualidade 2024 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Actuacións financiables mediante o Fondo de cooperación

1. Con cargo ao Fondo de cooperación poderán financiarse, total ou parcialmente, as seguintes actuacións:

a) As promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia ou a lexislación urbanística, en relación cos deberes de conservación e rehabilitación.

b) As de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído.

c) A adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.

d) A elaboración de plans especiais de protección.

2. Poderanse financiar as actuacións iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude de acceso ao financiamento, sempre que estean en execución nesa data.

3. As actuacións obxecto de financiamento deberán executarse no prazo máximo de catro anos, nos supostos previstos nas letras a), b) e d) do número 1, e de dous anos, para os casos establecidos na letra c). Estes prazos empezarán a contar desde o día seguinte ao da data de sinatura do correspondente convenio de financiamento.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2024 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, para o caso de que o devandito esgotamento se producise con anterioridade á dita data.

Máis Información

Os concellos que desexen acceder ao Fondo de cooperación deberán dirixir unha solicitude á Dirección Xeral do IGVS, segundo o formulario que figura como anexo I a esta resolución.

No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta convocatoria, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Descargas: