Data:
Instituto Galego da Vivenda e Solo
RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2025 pola que se acorda a inclusión de actuacións de rehabilitación e rexeneración urbana no Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, e se convoca o acceso ao dito fondo para a anualidade 2025 (código de procedemento VI438A).
Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto acordar a inclusión de actuacións de rehabilitación e rexeneración urbana no Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes (en diante, Fondo de cooperación).
2. Así mesmo, por medio de esta resolución convócase, para a anualidade de 2025, o acceso ao dito fondo, e establécense o procedemento, as condicións e os criterios para acceder a el (código de procedemento VI438A).
Concellos destinatarios do financiamento
Poderán acceder ao financiamento a través do Fondo de cooperación os concellos de menos de 50.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística en 1 de xaneiro de 2025.
Crédito orzamentario
1. O Fondo de cooperación está dotado para esta convocatoria cun importe de 3.718.069,00 euros, respectando a disposición máxima prevista no artigo 13 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).
2. As disposicións de cantidades do Fondo de cooperación previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.821.60, correspondente á anualidade 2025 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma.
Condicións de financiamento
1. Ningún concello poderá presentar unha ou varias solicitudes de disposición de fondos que, individual ou conxuntamente, excedan o 25 % do total do importe con que está dotado o Fondo de cooperación establecido na Resolución do 20 de setembro de 2016. Non se admitirán aquelas solicitudes que superen o dito límite.
2. O prazo para a reposición das cantidades percibidas con cargo ao Fondo de cooperación será o establecido na resolución de aprobación do financiamento, sen que poida exceder os oito anos, contados desde o día seguinte ao da data da formalización do correspondente convenio.
3. A reposición das cantidades correspondentes a cada anualidade deberá realizarse antes do último día hábil do mes de setembro de cada ano.
4. O importe que vai repoñer o concello en cada anualidade non poderá ser inferior ao 10 % do importe total transferido.
Convenios de financiamento
1. A aprobación do acceso ao Fondo de cooperación materializarase mediante a sinatura do correspondente convenio entre o IGVS e o concello destinatario do financiamento, segundo o modelo que figura como anexo II a esta resolución.
2. A sinatura do convenio de financiamento terá lugar no prazo non superior a un mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución de aprobación de acceso ao financiamento.
A sinatura do convenio suporá a íntegra aceptación polo concello do contido da resolución de acceso ao Fondo de cooperación.
3. De non asinarse o convenio por causas imputables ao concello, este perderá o dereito ao acceso ao financiamento solicitado, que se declarará mediante a correspondente resolución.
Actuacións obxecto de financiamento mediante o Fondo de cooperación
1. Con cargo ao Fondo de cooperación poderán financiarse, total ou parcialmente, as seguintes actuacións:
a) As promovidas polos concellos no desenvolvemento das competencias que lles atribúe a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, ou a lexislación urbanística, en relación cos deberes de conservación e rehabilitación, incluída a execución subsidiaria, por parte dos concellos, de obras de edificación ou de urbanización.
b) As de rehabilitación e rexeneración urbanas realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído.
c) As de urbanización de novas vías previstas no planeamento municipal para mellorar a conexión de ámbitos urbanos ou de núcleos rurais.
d) As dirixidas ao remate das edificacións non acabadas previstas no artigo 77 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
e) A adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación.
f) A elaboración de plans especiais de protección.
2. Poderanse financiar as actuacións iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude de acceso ao financiamento, sempre que estean en execución nesa data.
3. As actuacións obxecto de financiamento deberán executarse no prazo máximo de catro anos, nos supostos previstos nas letras a), b), c) e f) do número 1, e de dous anos, para os casos establecidos nas letras d) e e). Estes prazos empezarán a contar desde o día seguinte ao da data de sinatura do correspondente convenio de financiamento.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) e rematará o 15 de outubro de 2025 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, para o caso de que o devandito esgotamento se producise con anterioridade á dita data.
Máis Información
-Na Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).