FORO: O DEREITO HUMANO Á AUGA DESDE A XESTIÓN MUNICIPAL. EXPERIENCIAS DESDE HONDURAS E GALICIA.

Data: 

mércores, 28 Novembro, 2018 (Todo o día)
Foro dereito humano á auga

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a través da convocatoria de proxectos para ONGD do ano 2017, veu de aprobar un proxecto de fortalecemento de capacidades técnicas para a xestión pública da auga en sete municipios hondureños, xunto coa ONGD Enxeñería sen Fronteiras.

No marco do proxecto, unha delegación composta de seis alcaldes e unha alcaldesa dos sete municipios que compoñen a Mancomunidade de Municipios do Sur de Honduras (NASMAR) estarán en Galicia coa idea de compartir experiencias na xestión pública da auga con municipios galegos, desde a visión do Dereito Humano á Auga.

O contexto dos municipios da NASMAR, situados nunha área do trópico seco, moi vulnerables ás secas e aos efectos do cambio climático, fan que a xestión da auga sexa un dos seus principais desafíos. En Galicia a xestión da auga empezou a poñerse en primeiro plano o ano pasado, coas alertas de seca, pero xa viña sendo obxecto de preocupación por falta de transparencia na tramitación de concesións, cortes de auga a persoas que non poden pagar o servizo, problemas graves de saneamento, etc.

A xestión municipal da auga é unha cuestión que afecta tanto aos países do Norte coma aos do Sur, e moitas das problemáticas e solucións que se presentan son comúns a todos os territorios. Porén, convidámosvos a particpar no Foro que aquí se presenta, para compartir as experiencias duns e doutros municipios, as solucións adoptadas e os atrancos aínda existentes na xestión municipal da auga desde o enfoque do Dereito Humano á Auga. 

TÍTULO: O DEREITO HUMANO Á AUGA DESDE A XESTIÓN MUNICIPAL. EXPERIENCIAS DESDE HONDURAS E GALICIA.  

DATA: 28/11/2018

HORA: 11:30h-13:30

LUGAR: EGAP (Santiago de Compostela)

PROGRAMA:

                11:30: Presentación da Mancomunidade de municipios do Sur de Honduras (Nasmar) e o seu modelo de  xestión da auga

                12:00: Enxeñería sen Fronteiras. Proxectos apoiados na xestión da auga en Honduras e Galicia.

                12:30: Intercambio de experiencias entre representantes municipais de Honduras e Galicia sobre a xestión municipal da auga

                13:30: Pinchos para as persoas asistentes

A QUEN VAI DIRIXIDO: A concelleiras/os e persoal técnico da administración local, preferentemente da área de auga e saneamento.

INSCRIPCIÓN: As persoas que queiran participar poden inscribirse no seguinte correo electrónico ata o luns 26 ( info@galicia.isf.es), indicando o nome completo, concello/deputación á que pertencen, cargo e de ser o caso, a solicitude do certificado de asistencia. Ao finalizar haberá uns pinchos para todas as persoas asistentes.