II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía “A localización dos ODS tras a COVID-19: unha mirada desde o xénero”.

II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía

II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, que terá lugar os días 25 e 26 de novembro na cidade de Braga (Portugal) e que leva por título “A localización dos ODS tras a COVID-19: unha mirada desde o xénero”.

O II Foro está impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Cámara Municipal de Braga, a Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS e a Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA) e conta co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Esteriores e da UE da Xunta de Galicia.

O II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía reunirá a autoridades locais de Galicia, Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Mozambique, Cabo Verde e São Tomé e Príncipe para poñer en común os retos e desafíos que afrontan os gobernos locais na consecución dos ODS.

O encontro, convocado arredor do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desenvolverase nunha dobre modalidade: virtual a través de videoconferencia e presencial na sala de congresos do Altice Forum Braga (Portugal), en horario de 16:00 a 20:00 segundo a hora galega. As consecuencias do coronavirus sobre as comunidades locais, os retos do municipalismo perante o cambio climático, a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas ou ruralismo e ODS son algúns dos temas que centrarán as mesas de debate, que se complementan con outras presentacións sobre educación para a cidadanía global e sobre a implementación da Axenda 2030 no eido local.

No caso dos concellos e deputacións de Galicia ábrese a posibilidade de participar de xeito presencial, polo que animamos tamén a acompañarnos en Braga para aquelas persoas que vos resulte posible. Será un momento idóneo tamén para estreitar lazos co municipalismo do país luso.

As persoas interesadas en asistir ao II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, tanto online como presencialmente, deben inscribirse en www.bit.ly/ForoLusofonia

Contarase con interpretación galego-portugués e viceversa para facilitar a comprensión para aquelas persoas que o precisen.

Descargas: