INFORME ACCIÓN CONCELLOS GALEGOS POLA IGUALDADE

A Federación Galega de Municipios e Provincias publica o primeiro estudio en Galicia dedicado á asistencia á muller dende os concellos. A iniciativa xurdiu a raíz das preocupacións trasladadas por parte de ASOCIM (Asociación de Profesionais dos CIMs) ao presidente da Fegamp, Alberto Varela.

O informe, baseado nos datos de 74 dos 82 CIMs galegos, amosa que en 2019 arredor de 17.000 mulleres solicitaron algún tipo de información ou axuda nestes centros. A distribución dos CIMs é claramente desigual entre as provincias costeiras e as de interior, de modo que a suma dos centros das provincias de Lugo e Ourense non alcanzan a cifra dunha soa das provincias do litoral, coas dificultades de acceso que supón unha grande dispersión. Se ben a maioría dos centros atende a mulleres de municipios da contorna que non contan con este servizo, detéctanse 5 comarcas na sombra que restan desasistidas.

Unha das preocupacións dos/as profesionais destes centros é a calidade asistencial nos CIMs máis desbordados, xa que a lei non fixa ratios de traballadores en función da demanda nin dos servizos prestados, e tan só un 5% dos CIM contan con persoal administrativo que alivie nas tarefas burocráticas ás /aos asesores xurídicos e psicolóxicos ou evite interrupcións durante a atención ás usuarias por “ter que abrir a porta ou coller o teléfono”. Se ben si se garante o mínimo de 10 horas de atención semanal esixidas pola lei para obter a certificación, o persoal a tempo parcial non é unha excepción.

O financiamento tampouco responde ás necesidades reais; os fondos europeos xestionados pola Xunta de Galicia teñen un máximo de 45.000 euros,independentemente dos requirimentos, de xeito que segundo amosa o estudio, o CIM que máis usuarias atende (Vigo, 1.060 mulleres) recibe a mesma cantidade que un centro con 250. A forma de financiamento dos CIMs varía considerablemente en función do tamaño do municipio; mentres que nos centros máis pequenos o orzamento depende máis das subvencións, a medida que a demanda, as necesidades e os servizos prestados aumentan, os concellos vense obrigados a facer un importante esforzo orzamentario, chegando a aportar ata o 88% do financiamento do centro.

Sería desexable na medida do posible, que todas as mulleres teñan garantido o acceso a un CIM municipal e que este dereito non dependa das posibilidades dos concellos.

Para iso, en base á análise dos datos do estudio e ás inquedanzas trasladadas polos/as profesionais dos centros, cómpre o desenvolvemento dunha estratexia autonómica que estableza criterios de localización e prestación de servizos tendo en conta factores como a xeografía, a densidade poboacional e as características sociodemográfricas. Así mesmo, cumpriría tamén mellorar a lei e o sistema de financiamento establecendo ratios que permitan aumentar a calidade asistencial.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon Descargar texto do informe1.03 MB